Site icon Crónica3.com A Mariña

Un curso de pandeireta súmase a outras actividades de Mulleres de San Ciprián para os vindeiros meses

A Asociación Mulleres de San Ciprián, que preside Amparo Pernas, presentou este venres o programa de actividades para o último trimestre do ano. Unha oferta ampla e variada que permite ás socias elixir entre excursións, charlas, cursos, certames e campionatos ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro. Ademais, como preludio do programa, mañá sábado terá lugar unha ruta de sendeirismo dende San Cibrao ata Río Covo que partirá ás 17:00 horas da prazoleta da Casa da Cultura e que incluirá unha merenda na metade do camiño.

Dúas excursións, ao Ézaro e Portugal, abrirán o programa do mes de outubro. Ademais o día 26 ofrecerase unha charla informativa sobre os accidentes domésticos e a súa prevención. No mes de novembro cabe destacar a celebración de San Andrés o día 30 cunha charla sobre saúde e un magosto, ao tempo que durante ese mes, nunha data aínda sen confirmar, convocarase o II Concurso de poesía, así como os campionatos de Tute e Parchís, que se xogarán neste mes. Xa en decembro, o día 14, está prevista a tradicional cea de Nadal.

Ademais, ofrécense 13 cursos: de pandeireta, abalorios, bolillos, bordado, pintura, cestería, coiro, ioga, bonecas fofuchas, pintura en madeira, tapicería, adornos florais de Nadal e informática. Neste caso, o curso de pandeireta é unha novidade.
A presidenta asegura que “quixemos ofrecer múltiples actividades para as nosas socias atendendo aos seus gustos e preferencias sempre co obxectivo de mellorar e diversificar o seu tempo libre”, agardando “que o programa sexa do seu agrado e teñan unha boa acollida”.

Exit mobile version