Site icon Crónica3.com A Mariña

Unifoz presenta dúas mocións relacionadas co funcionamento administrativo local

Jaime Cancio Rodríguez, Ana Mª López Campoamor, Mª Ángeles Veiga Varela en representación do grupo Municipal UNIFOZ na Corporación Municipal de Foz veñen de presentar dúas mocións sobre “a parálise administrativa local” e solicitando acordos co Instituto Nacional da Seguridade Social, a Facenda autonómica e a Deputación Provincial “para que o Concello poda expedir certificacións destes organismos”.

Por unha banda, esixen o acordo da corporación para solicitar da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, axuda extraordinaria para a contratación de persoal administrativo e reforzar os servizos correspondentes.

Esta demanda débese a que “o concello está a sufrir unha parálise administrativa total, debida a falta de planificación e organización do persoal”, segundo o voceiro de Unifoz, Jaime Cancio. Ademais, engade que “como mostra da situación podemos mencionar que o contrato de mantemento de alumeado, das Escolas Deportivas e de atención a dependentes están vencidos e pendentes de sacar a concurso. Así mesmo, o contrato de limpeza, de xestión das sancións e de actualización do IBI tamén está pendente de concurso”.

“Unifoz fixo proposta de recuperar a xestión pública de algúns servizos, algo que o equipo de goberno non atendeu”, recorda Cancio, que engade que “Unifoz xa fixo propostas de solicitar a Deputación axuda técnica para sacar ao Concello de esta parálise, algo ao que este Alcalde nin fixo caso”.

E, por outra banda, o grupo municipal de Unifoz presenta outra moción solicitando ao Pleno da Corporación Municipal o inicio da tramitación de acordo co Instituto Nacional da Seguridade Social, da Facenda Autonómica e da Deputación Provincial para que o Concello de Foz poda expedir certificacións destes organismos.

Cancio recorda que “por parte dos veciños en particular e asociacións, en moitas ocasións, para tramites administrativos son necesarios certificados de outras administracións como INSTITUTO NACIONAL DA S.SOCIAL, AXENCIA TRIBUTARIA ESTATAL, FACENDA AUTONOMICA DEPUTACIÓN PROVINCIAL, que teñen que ser tramitados antes estes organismos, co conseguinte prexuízo polo desprazamento que supón para os mesmos”. Así mesmo, apunta que “o Concello de Foz ten a posibilidade de facer acordos con estas administracións, coa finalidade de poder expedir certificados para os veciños que o necesiten, sen necesidade de ter que desprazarse”.

Exit mobile version