Site icon Crónica3.com A Mariña

Valín: “a Deputación incumpre no tocante a servizos sociais con Ribadeo ao aportar tan só o 13% do que custa o SAF”

Ribadeo, 21 de setembro de 2013.- O voceiro do PP en Ribadeo, Manuel Valín, anunciou este sábado que o seu grupo ven de rexistrar unha moción para levar a vindeira sesión plenaria e instar á Deputación de Lugo a que cumpra coa normativa vixente en benestar.

“Os populares estamos en contra de que sexan os veciños de Ribadeo os que se vexan prexudicados por unha decisión inxustificada da Deputación de Lugo”- manifestou Valín, quen afirmou que o Ente Provincial non asume as súas obrigas en materia de financiamento dos servizos sociais.

Neste senso, o popular pregúntalle a Antón Veiga, como responsable de Benestar na Deputación de Lugo, se considera suficiente a achega de 21.575 euros para garantir o servizo neste municipio, cando o servizo de axuda no fogar neste concello supón un custe de 164.000 euros.

Asemade, Manuel Valín agarda que tanto o voceiro do PSOE local coma o rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez, se posicionen a favor dos intereses dos veciños e non dun goberno provincial que tomou unha decisión totalmente insensible e inxustificada

Concluíu o popular lembrando que, tanto a Lei de Servizos Sociais aprobada polo bipartito en 2008 como o decreto que a desenvolve de 2012, establece a obriga das Deputacións de financiar o custe do Servizo Básico de Axuda no Fogar, naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.

Exit mobile version