O vicepresidente da Deputación insistiu en que “é preciso que as institucións públicas, na medida do posible, fomentemos a restauración e conservación dos edificios culturais, que actualmente se atopan en perigo de desaparición por factores como o despoboamento e mailo avellentamento da poboación lucense”.
A institución provincial aportará 53.859,73 euros para a execución destas obras que, unha vez executadas, facilitarán a actividade recreativa cultural e de lecer que se ven desenvolvendo nestas instalacións. O proxecto inclúe a cuberta da sala de máquinas, que se atopa na terraza do Auditorio, quedando as máquinas ao descuberto, o que provoca goteiras na sala de butacas, no escenario e vestiarios, o que xera problemas importantes tanto a artistas como espectadores.
Tamén se levará a cabo a reparación e modernización da instalación de climatización, que ten un dobre obxectivo: por un lado, acabar cos ruídos que xera a actual instalación aos veciños colindantes, e doutro, mellorar a instalación que da servizo á sala de butacas, vestiarios, escenario e ás oficinas que se atopan no recibidor.
“Con esta actuación, – precisou Veiga – desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo estamos contribuíndo ao fomento da sociedade do ocio e tamén ao movemento asociativo, xa que o Auditorio Hernán Naval tense convertido nun espazo de reunión tanto para os colectivos asociados como para o público en xeral, no que se fai un uso común das instalacións para a realización de actividades como cursos, representacións e actuacións, entre outras actividades”.
“Dende o punto de vista antropolóxico, o auditorio forma parte da nosa historia, do noso patrimonio colectivo e individual, un universo de signos e símbolos que integran a nosa histórica arquitectónica que é necesario preservar e conservar, e adaptar ás necesidades actuais dun colectivo social máis vivo e esixente”, concluíu o vicepresidente provincial.