Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación mantén o apoio á Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno

Lugo, 17 de setembro de 2013. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora, un ano máis, coa Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno, a través dun convenio de colaboración que veñen de asinar o vicepresidente da institución provincial, o nacionalista Antonio Veiga, mailo presidente da Federación, Francisco Villanueva, polo que a área provincial de Benestar Social e Deporte aporta 24.000 de cara a promoción desta modalidade deportiva nos centros escolares das comarcas de Lugo.

Neste sentido, Antonio Veiga afirmou que “aínda que a priori semella un deporte minoritario, en Lugo o Tríatlon e o Péntatlon Moderno gozan dunha ampla implantación e ano a ano vannos dando alegrías ao mundo do deporte lucense, ademais de facer que moitos rapaces e rapazas se acheguen a esta modalidade deportiva, un dos obxectivos primordiais para a área de Benestar Social e Deporte da Deputación de Lugo”.

Así mesmo, o vicepresidente da Deputación destacou que “este convenio coa Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno asínase nun momento significativo para este deporte, xa que o ferrolán Gómez Noya vén de proclamarse campión do mundo por terceira vez na súa carreira como triatleta, tras gañar a gran final das series mundiais”.

A área de Deporte da Deputación de Lugo vén mantendo constante colaboración coas Federacións deportivas Galegas no camiño de apoiar economicamente iniciativas de promoción do deporte desde a base, facendo especial fincapé naquelas modalidades que se cadra se consideran minoritarias pola súa repercusión mediática pero que, non obstante, en Lugo ou Galiza teñen un gran número de practicantes.

Exit mobile version