Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares e Barcia: “Claro que os plans de aforro enerxético da Deputación son gratis para os concellos, porque nunca se levan a cabo”

Cervo, 17 de setembro de 2013- Os alcaldes de Cervo e Burela, Alfonso Villares e José María González Barcia respectivamente, saíron ao paso das críticas do deputado provincial, José Ramón Val, sobre o plan de mellora enerxética da Deputación. Os rexedores entenden que “o señor Val non coñeza a actividade municipal dos concellos da Mariña porque nin sequera está ao corrente do que ocorre no PSdeG de Foz”.

Ambos mandatarios lembráronlle a Val que no 2009 se adheriron a un convenio da Deputación para realizar accións de mellora da eficiencia enerxética. “Despois de mover papeis, de perder tempo e cartos, de abrir expedientes e de mobilizar ao persoal municipal non fixeron nada de nada” asegura Villares.

Por iso Barcia considera que “con estes antecedentes non ten sentido volver perder recursos municipais e humanos para non conseguir nada”. Neste sentido ambos rexedores defenderon a “dilixencia e a seriedade da Xunta”, que puxo en marcha un plan “real” para a mellora da eficiencia enerxética do que se benefician ambos concellos e que en breve “terá os seus resultados”.

Barcia lembra que “este é só un exemplo dos moitos programas trampa que ofrece a Deputación, nos que prometen grandes melloras que nunca chegan”. De feito, o rexedor burelés explica que os concellos de Xove ou Barreiros si se adheriron ao último convenio da Deputación para o aforro enerxético “que tamén quedou en nada”. Así, Villares dálle a razón a Val cando asegura que o plan da Deputación era de balde para os concellos: “Claro que é gratis, pero para os concellos e para a Deputación, porque se o plan non se executa, tampouco hai gastos”.

Exit mobile version