Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornada de ocio e natureza para o CD Burela FS Pescados Rubén

O domingo 1 de setembro o CD Burela FS Pescados Rubén viviu unha xornada de ocio e diversión. Os equipos sénior da entidade laranxa desprazáronse dende as instalacións de Activity Center en Burela ata O Vicedo para gozar dun marabilloso día ao aire libre, nunha ruta organizada pola empresa colaboradora IG10 (www.ig10.es).

Xogadores, xogadoras, corpos técnicos e dirixentes gozaron pola mañá dun percorrido de dúas horas en kayak polo río Sor. Para o xantar, a familia laranxa reuniuse arredor da mesa para saborear a orixinal cociña de Galipizza en Viveiro, empresa patrocinadora das campioas laranxas (www.galipizza.com).

Citas da semana
A escuadra de Juanlu pechará esta semana os amigables de pretempada con dobre cita. Despois de medirse mañá ao Parrulo FS, de Segunda División, no I Trofeo Vila de Cedeira (municipal, 19.00 horas), o Burela FS desprazarase o venres á capital galega para disputar o Desafío Star Center con tres rivais que verá na liga, Santiago Futsal, Colegios Arenas Gran Canaria e H. Llevant Manacor. As semifinais enfrontarán no multiúsos Fontes do Sar a mariñáns e baleares (19.00 horas) e despois a composteláns e canarios (21.00); o sábado decidirase o gañador entre os vencedores (20.30 horas), precedido da loita polo terceiro e cuarto posto (18.30 horas).

Pola súa banda, o equipo de Quico Otero estreará a súa participación na Copa Galicia, co primeiro encontro da fase de grupos; será na pista do Poio Pescamar FS, novel de Primeira, o mércores 4 (municipal, 20.00 horas). Para finalizar a semana, as campioas do dobrete histórico volverán verse as caras despois do verán co Atlético de Madrid Navalcarnero, na ida da XI Supercopa de España, o domingo, ás 13.00 horas (pavillón La Estación).

Exit mobile version