Site icon Crónica3.com A Mariña

Zumba e pádel entran como novidades na oferta das Escolas Deportivas Municipais de Cervo

Cervo, 17 de setembro de 2013.- As Escolas Deportivas Municipais chegan este ano cargadas de novidades coa posta en marcha de máis disciplinas. Unhas escolas que abren o prazo de inscrición mañá mércores e que arrincarán o día 23. Antes, o 19, terá lugar a presentación das actividades nunha reunión ás 20:00 horas no salón de actos da Casa do Concello na que se resolverán dúbidas e se explicará o funcionamento das escolas.

En canto ás novidades hai que destacar que o zumba e o pádel atopan un oco na oferta deste ano. No caso do zumba está dirixido á mocidade do instituto de secundaria co obxectivo de “diversificar a programación e ofrecer unha especialidade atractiva que permita estimular e convidar á práctica de deporte nese tramo de idade”, explica o edil de Deportes, Luis Guillén. Neste caso, as clases desenvolveranse todos os venres de 19:00 a 20:00 horas na Casa do Mar.

O pádel tamén entra na oferta das Escolas Deportivas, neste caso para os nenos e nenas nacidos entre o 2008 e o 1998, ao igual que as demais actividades para este tramo de idade. Unha disciplina que se impartirá na pista do polígono de Cuíña todos os venres de 16:45 a 17:45 horas e que “gaña cada ano máis adeptos no municipio e por iso decidimos incluílo na oferta deste ano” engade Guillén.

Con estas novidades, as Escolas Deportivas amplían a súa oferta, que inclúe un total de 11 modalidades para diferentes públicos, tanto infantil, como xuvenil e adultos. En concreto, para nenos e nenas impartirase pequexogos, baloncesto, fútbol sala, patinaxe artística, tenis, multideporte e pádel; e para os adultos ofrecerase ximnasia de mantemento, aeróbic e pilates, ademais do xa mencionado zumba xuvenil para o alumnado do instituto.

“Unha ampla e variada oferta na que se manteñen todas as actividades ofertadas no curso pasado tendo en conta o éxito de participación que veñen rexistrando e se inclúen outras novas para satisfacer á crecente demanda de disciplinas tendo en conta sempre as preferencias da cidadanía” asegura Guillén.

Exit mobile version