Este proxecto de turismo ornitolóxico é dunha iniciativa orientada á promoción de toda a riqueza natural que a ría de Ribadeo pode ofrecer ao visitante que se basea na potencialidade natural da zona, así como na gran variedade de actividades e servizos complementarios que se poden ofrecer.
Ribadeo Birding contempla dúas iniciativas: un portal web, http://birding.ribadeo.org, no que o visitante poderá atopar non só información ornitolóxica senón tamén o aloxamento que máis se adapte ás súas necesidades, a gastronomía local, así como o conxunto actividades de lecer que Ribadeo ofrece; e un folleto turístico dedicado á ría de Ribadeo e ás súas aves, e que servirá aos visitantes para coñecer mellor e disfrutar do humidal.
Segundo sinalou Antonio Veiga “estamos ante un proxecto de dinamización turística co que se pretende demostrar o enorme potencial que tanto a vila de Ribadeo, como o entorno natural que a rodea, ten de cara converter esta zona nun destino turístico máis alá de períodos estacionais, así como descubrir ao visitante novas formas de lecer”.
Pola súa banda, Fernando Suárez agradeceu a “indispensable” colaboración da área de Turismo da Deputación para a posta en funcionamento do Ribadeo Birding e explicou que “a día de hoxe existe un segmento turístico interesado pola natureza e en Ribadeo temos unha riqueza natural e medioambiental moitas veces descoñecida, polo que estas ferramentas, tanto a web coma o folleto, servirán para atraer a ese segmento, o que xerará riqueza, sempre desde o punto de vista da sustentabilidade”.
A presentación do proxecto rematou coa realización dunha pequena ruta urbana a pé pola beira da ría de Ribadeo para intentar observar algunhas das aves que por esta época do ano alí habitan e que permitiu aos presentes comprobar a riqueza paisaxística e ornitolóxica da vila mariñá.