Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña convoca unha mobilización para o martes 29 diante de Facenda de Foz

A Mariña, 24 de outubro de 2013. A Asociación de Emigrantes Retornados da Comarca da Mariña continúa coa súa axenda de mobilizacións para reclamar ao Goberno do Estado a anulación das sancións impostas pola Axencia Tributaria por non ter declarado as pensións que reciben os emigrantes retornados desde outros países desde o 2008 e para reclamar un cambio lexislativo. Así, a próxima concentración celebrarase o vindeiro mércores, 29 de outubro, ás 11:00 horas, diante da delegación da Axencia Tributaria en Foz.

Segundo explican desde a Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña “o día 29, a xestora vai rexistrar, na oficina da Axencia Tributaria de Foz, un documento dirixido ao Ministerio de Facenda no que se recollen todas as nosas reivindicacións e os puntos básicos coa intención de paralizar o que consideramos unha estafa do Goberno do Estado”. Nos últimos meses este colectivo comezou a recibir requirimentos da Axencia Tributaria para que declaren as cantidades percibidas durante o ano 2008 en concepto de pensións no estranxeiro coa finalidade de proceder á regularización, ou no seu caso, formulación da declaración sobre o imposto das persoas físicas correspondente ao exercicio de 2008. Estes requirimentos, que tamén indican a obriga de realizar esta actualización en relación cos exercicios de 2009, 2010 e 2011, afectan a milleiros de persoas pensionistas retornadas de todo o país.

“Os afectados e afectadas nunca recibirmos información en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro. Existía un total descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF, o que confirma a falta de intencionalidade ou de defraudar por parte de todos nós, e que se apoia co feito de os estados pagadores nunca nos expediron certificación algunha en relación coas cantidades percibidas.Con estes antecedentes resulta sorprendente que, cinco anos máis tarde, recibamos este tipo de requirimentos por parte da Axencia Tributaria coa advertencia dunha posíbel sanción por non teren cumprido con obrigas tributarias que descoñecían. E cando os evasores fiscais se benefician de amnistías, constitúe unha auténtica inmoralidade a simple ameaza dunha sanción a traballadores e traballadoras emigrantes retornados”, precisan desde o colectivo mariñán. Neste sentido, a Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña esixe a revisión dos convenio marco con outros Países para evitar que situacións deste tipo poidan volverse a producir, así como unha modificación lexislativa que fixe un mesmo réxime do IRPF, con independencia de se estas proceden dun Estado ou de varios Estados.

Xa por último a Asociación de Emigrantes Retornados da Mariña , demanda o apoio das veciñas e veciños da Comarca do Salnés aos emigrantes retornados xubilados que perciben pensións de países estranxeiros, afectados pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria que obriga a facer ás declaracións dende o ano 2008 e a pagar a totalidade da cantidade resultante nun prazo de dez días. Asemade solicitan demandar do Goberno do Estado a anulación de todos os expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Estatal Tributaria e que lle notificaron nos últimos meses a persoas beneficiarias de pensións no estranxeiro por non tributaren por estas cantidades nos exercicios 2008/2012. Anulación dos expedientes sancionadores, que non haxa cobro de intereses de demora por parte da Axencia Tributaria Española, que se modifique a Lei para garantir a igualdade de trato para os emigrantes retornados, e iniciar unha campaña de información a todas as persoas afectadas das soas obrigas tributarias futuras, anulando os requirimentos relativos aos exercicios comprendidos entre os anos 2008/2012, revisión dos convenios marco con outros países e tamén unha modificación lexislativa que fixe un mesmo réxime do IRPF, con independencia de se estas proceden dun Estado ou de varios Estados.

Exit mobile version