Lugo, 18 de outubro de 2013.- A Comisión Xestora da Cámara de Comercio de Lugo, constituída por representantes da Administracion e das Cámaras de Comercio, mantivo este venres unha nova reunión para abordar a situación actual da entidade. No seu transcurso, trasladouse que a auditoría levada a cabo para analizar o estado das contas reflicte unha complexa situación para desenvolver as súas actividades. Neste eido, a Comisión Xestora analizará distintas alternativas para estabilizar a situación do ente.
Así mesmo, e dentro do proceso electoral que se está a levar a cabo, informouse da incorporación de 4 novas empresas ao censo electoral da Cámara, tras atender as reclamacións plantexadas durante a súa exposición pública.
Deste xeito, un total de 530 sociedades conforman o censo definitivo, que se notificará aos interesados antes de remitirse á administración tutelante para o seu depósito. A continuación convocarase o proceso electoral, abríndose o prazo para a presentación de candidaturas.
O novo censo, que conta cunha adecuada representación do empresariado lucense, estará a disposición dos interesados en distintas localizacións físicas e virtuais: na sede da propia Cámara, na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, no edificio Forcam, e de forma telemática a través da páxina web do ente cameral lugués.