Site icon Crónica3.com A Mariña

A auga marcou a celebración da segunda xornada da LNB NorLeste na que se impuxo Charli de Carabullo

Presencia masiva de palanadores/as no II aberto de billarda “A terra non se vende”, celebrado na Ponte de Outeiro.

Tivemos sorte que non choveu, pero fixoo abondo a noite anterior polo que o terreo estaba esbaradizo e con abondas trampas de auga que freaban o percorrido da billarda pero non así o dos palanadores que de cando en vez a piques estiveron de chuchar o chan.

Por calquera parte que ollaras non se vía mais que auga no chan e carabullos a feixes… carabullos de buxo, carabullos de teixo, carabullos de toxo… e como non!… con tanto carabullo quen iba gañar? Por suposto os carabullo!! que por riba xogaban na casa. Así non se pode hom!

Non estaba a pista para florituras, en según que sitios do campo, manter o equilibrio non era doado pero si prioritario para tentar asegurar o golpe, mais en moitos casos non se conseguía e a billarda ficaba chantada a poucos metros ou saía desviada e iba a parar o medio do rio. Así foi percorrendo o aberto con erros e acertos ata o fusco lusco que nos colleu ca xornada sin rematar.

Por mor de todas estas dificultades engadidas, ninguén foi quen de acadar o pleno nesta xornada. So tres palanadores chegaron con posibilidades a derradeira carreira: Xerman de Ekipa Bitere, Charli de Carabullo de Teixo e Kiko de O Cadaval. Foi Pepe Outeiro quen subindo o seu casilleiro os dos primeiros e únicos puntos da tarde chimpou fora a Xermán. Os outros dous acadaron cadanseu empate que lles permitiu loitar polos postos de honra nun desempate cos outros tres palanadores que tamén acabaron con nove puntos e que foron Franco de Billardeiros Musicais, Cortón de O Cadaval e Noé de Troitas Bravas.

Aínda que para librar una zoa con demasiada auga se había acortado a pista de xogo, escasa foi a colleita de “varados”, tan so tres en toda a tarde o que indica a dificultade dos palanadores para xogar.

En canto as donas, tamen sufriron dabondo e en xeral baixaron o rendemento, so Reyes (que recuperou o terreo perdido en Burela), Maricarmen e Ana aguantaron o tipo ata o final.

Xa ca oscuridade da noite moi perto, xogáronse as carreiras de desempate das que Charli saiu como Campión seguido no podio por Kiko e por Noé.

Por equipos foron os locais “Carabullo de Teixo” quenes se auparon ó primeiro posto na xornada por diante dos “Billardeiros Musicais”.

Os gañadores recibiron como agasallo uns fermosos e orixinais trofeos, una árbore e mais una botella chea de fabas de O Guardarríos. A equipa vencedora levouse unha cesta con productos ecolóxicos.

E para finalizar a xornada unha convidada con petiscos e bebidas varias para todos e como logo da panza ven a danza, pois eso, soaron as gaitas e as panderetas que deron pé os bailes e os cánticos perante un bo anaco. Todos contentos e ca “satisfacción do deber cumprido”, abandoamos o lugar xa pensando na próxima cita que será na praza dos fornos de A Pontenova o sábado 26 de outubro. Agardamos por todos vos.

As clasificacións quedan así:

Individual: Richar e Santi 18 p., Franco 17 p., Daniel, Manolo, Muriego e Noé 15 p.,

Por equipos: Billardeiros Musicais 65 p, Carabullo de Teixo 59 p., e Troitas Bravas, 53 p.

Varados: Charli, Luis Pirucha e Santi 2 varados, outros dez palanadores con 1 varado.

Exit mobile version