Os premios foron entregados por Antonio Veiga Outeiro, vicepresidente da Deputación de Lugo e por José María Pérez Rielo, médico exercente en San Cosme de Barreiros cunha longa traxectoria como aficionado á fotografía, quen parabenizou a posta en marcha “deste tipo de iniciativas que fomentan a participación das nenas e nenos en actividades relacionadas coa natureza e o coñecemento das tradicións e que actúan como alternativas de ocio para as familias”, á vez que destacou a alta calidade das fotografías participantes.
Durante o acto de entrega de premios, o C.C. Ollomao proxectou un vídeo con todas as fotografías participantes o cal poderán ver todas as persoas que o desexen entrando na seguinte ligazón: https://vimeo.com/76735880. Dende a organización parabenizan e agradecen tanto as persoas gañadoras como a todas as participantes a súa implicación neste certame, que recibiu fotografías de persoas dende Navia ata Viveiro. Asimesmo, consideran que este tipo de iniciativas, así como o Roteiro Fotográfico polo rural barreirense e o Roteiro polo Camiño da Prehistoria organizado xunto co C.C. Os Tres Pés de Trabada, serven para ensinar unha parte descoñecida do concello como é o seu rural, poñéndoo en valor e demostrando que os recursos de Barreiros son moitos máis que os seus marabillosos areais. O C.C. Ollomao seguirá traballando nesta liña nas súas próximas actividades, que é precisamente a temática escollida para a labor cultural da asociación para este ano 2013.