Na charla, desenvolta no Salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo, seguida por máis de trinta persoas e con posterior intervención do público, puidéronse entender cousas como a diferenza entre os mecanismos de equilibrio automático na economía e os de tipo discrecional, e a incidencia desa diferenza na crise actual en Europa en relación con outros países, como os EEUU.
Nas preguntas e debate posterior fíxose incidencia particular nalgún dos temas tratados, por exemplo, os diferentes factores que agravan a crise segundo para quen, como a diferenza de tipos de IRPF segundo a procedencia dos ingresos, ben por salarios, ben por capital, ou a preparación liberal desa situación asimétrica actual, coa baixa do imposto de sociedades dende os oitenta á actualidade.
A xeración dese debate é precisamente un dos obxectivos previstos das charlas, despois de ter recibida na parte de conferencia a formación básica para que o debate sexa informado.
A próxima charla da serie será o xoves 10 de outubro, no mesmo lugar e hora, a cargo de José Ángel Bolaño Penelo.