Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Ensino chama á folga contra a LOMCE este xoves 24 de outubro que será testemuña dunha concentración en Burela

A Mariña, 22 de outubro de 2013.- A CIG Ensino, que forma parte da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Pública, fai un chamamento a toda a comunidade educativa (profesorado e persoal non docente, alumnado, e pais e nais) a participar da folga contra a LOMCE e en defensa do ensino público convocada o 24 de outubro en todo sistema educativo galego. Tamén, desde a CIG Ensino da Mariña animan a participar de xeito masivo na mobilización que se vai realizar ese día ás 11:30 horas da mañá en Burela, na praza da Mariña e que consistirá nunha concentración.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público considera prioritario facer un último esforzo para evitar a aprobación dunha lei que retrotrae o sistema educativo e a propia educación cincuenta anos atrás. Unha lei que nos devolve a un modelo educativo preconstitucional e que nacerá morta polo rexeitamento que suscita nunha sociedade que xa é plenamente coñecedora das súas nefastas consecuencias. A LOMCE é unha lei centralizadora e españolizadora, que acaba coa xestión democrática dos centros e coa educación en igualdade. Ademais é unha lei que está ao servizo da patronal do ensino privado e dunha ideoloxía totalmente reaccionaria, pensada para potenciar a confesionalidade do sistema educativo. En palabras de Dores Fernández Abel, Secretaria da CIG-Ensino da Mariña, “a LOMCE liquidará a xestión democrática dos centros e avanzará na privatización do sistema educativo xa que parte dunha concepción do ensino como unha mercadoría á que só uns poucos poden ter acceso. Cuestiona o propio dereito á educación e avanza na desigualdade de oportunidades, ao concibir a educación como un ben para uns poucos en detrimento da maioría social”.

Por esta razón a CIG-Ensino considera máis necesario que nunca participar activamente na convocatoria de folga e nas manifestacións do 24 de outubro pola mañá para paralizala e evitar a súa aprobación e para que se evidencie, unha vez máis e de xeito contundente, a oposición da sociedade galega á LOMCE. “O PP coa aprobación desta lei mostra unha falta de responsabilidade imperdoable e unha actitude de prepotencia, pois sabe que esta lei non ten percorrido dada a total falta de consenso na súa aprobación.”

Finalmente, a CIG quere mostrar a súa solidariedade coa loita que están a levar a cabo algúns pais e nais da comarca en contra dos recortes que a Consellaría de Educación fixo estes anos e a favor dun ensino público e gratuíto universal. Recortes que prexudican a igualdade de oportunidades para todos nenos e nenas á hora de recibir a súa educación, como foron a eliminación da gratuidade dos libros de texto ou o último decreto de comedores que está provocando que algúns nenos perdan o dereito ao comedor e horas de clase.

Exit mobile version