Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Saúde denuncia que “a Conselleira de Sanidade non descansa no seu intento de desprestixiar a Sanidade Pública e @s profesionais que traballan nela”

Ante as recentes declaracións da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, nas que insinúa a súa pretensión de modificar o sistema retributivo actual para instaurar un novo modelo baseado en que non pode haber “chocolate para todos”, á CIG-Saúde gustaríalle puntualizar algunhas cuestións.

Desde CIG-Saúde lamentamos profundamente que a Conselleira de Sanidade coincida no modelo sanitario coas Consellerías de Sanidade de Madrid e Valencia, territorios nas que a privatización da Sanidade Pública está máis avanzada, cunha menor carteira de servizos e prestacións sanitarias para a poboación e cun alto descontento dos e das profesionais porque o que se solicita deles/as non é que actúen con ética e de acordo ás necesidades dos pacientes, senón que se convirtan en lacaios/as das medidas privatizadoras destes gobernos.

O que pretende a Conselleira e o goberno do PP coa conversión das retribucións fixas do persoal en retribucións variábeis non é mellorar a prestación de traballo que fan os/as profesionais nin motivar a súa participación na mellora da calidade da Sanidade Pública senón penalizar aquelas persoas que en base a criterios clínicos cuestionan a política sanitaria deste goberno. Non se pode culpabilizar aos/ás profesionais pola actividade que se realiza no SERGAS cando nos últimos 4 anos se reduciron os orzamentos sanitarios en 271.47 millóns, cando estamos asistindo a unha continúa amortización de prazas, a peche de camas e servizos durante máis de catro meses (o maior peche de camas da historia), á paralización do traballo en quendas de tarde, etc…

Desde CIG-Saúde constatamos que malia todas estas medidas de recorte e atrancos, a calidade do servizo sanitario estase a manter precisamente grazas á profesionalidade e ao traballo das persoas que forman parte do persoal do SERGAS. E en lugar de facer un recoñecemento a este traballo, o que fai esta Conselleira é criminalizar e desprestixiar ás persoas que están a manter a Sanidade Pública.

Queremos lembrarlle a Rocío Mosquera que seguindo os modelos que ela imita, o futuro da Sanidade Pública non é moi prometedor. Só hai que ver en qué se teñen convertido as sanidades valenciana ou madrileña. Mais tamén nos gustaría facerlle ver á Conselleira, que con estes compañeiros de viaxe, aos que segue e imita, o seu propio futuro non parece albiscarse como brillante. Lembremos que os dous últimos Conselleiros da Sanidade madrileña están imputados pola súa participación nos procesos de privatización, e en Valencia a situación non é moi diferente, cunha boa parte dos parlamentarios do PP imputados.

Á CIG-Saúde tamén lle gustaría expresar que se congratula de que a Conselleira saiba que non pode contar con este sindicato de clase para as súas pretensións de privatización, de deixar en mans das empresas amigas a xestión da sanidade pública, e moito menos para os intentos de desprestixiar as persoas que coa súa profesionalidade manteñen vivo un servizo público tan importante como é a Sanidade. Porque así é. Non conte con nós para isto, señora Conselleira. Non conte con nós para desmantelar a Sanidade Pública e para desacreditar a quen realmente si que cre nela, as profesionais e os profesionais que co seu traballo constante, coa súa labor sen descanso, malia toda a porcallada que se lles verque enriba, como a que a señora Rocío Mosquera verqueu onte, aí están, ao pé do canón mantendo a Sanidade Pública.

Exit mobile version