Site icon Crónica3.com A Mariña

A Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua denuncia que o desmantelamento do galego por parte da Xunta non cesa nos orzamentos

O goberno deixa os recursos para o galego polo chan, e a crise non pode ser unha vez máis unha desculpa. En recesión económica tamén se estaba en 1993, hai 20 anos e, daquela, os orzamentos para a lingua eran, en termos absolutos, máis de tres veces superiores, e máis de sete veces superiores en termos relativos. Mentres o goberno presidido por Fraga lle dedicaba ao galego o 0,43% do orzamento da Xunta (17,2 millóns), Feijóo dedícalle 20 anos despois unha sétima parte, isto é, o 0,06% (5,4 millóns). Máis ou menos a metade dunha décima; menos da oitava parte de medio punto; a dezaseteava parte do 1%. Isto é o que para o goberno parece valer o galego.

Con esta proposta de contas, que desde a CTNL consideramos insultantes e demoledoras, a Xunta non pode dicir que non ten nada en contra da lingua, en contra do noso maior ben común. Por iso pedimos que este proxecto de orzamentos sexa modificado durante o trámite parlamentario, para que non se desmantele o xa precario traballo a prol do principal elemento que nos une como galegos e galegas, do noso maior elemento cohesionador, a nosa lingua propia.

E é que estas contas, de non seren modificadas e notablemente aumentadas, suporán a anulación de proxectos, a redución de servizos á cidadanía, a paralización de actividades, a destrución de emprego, a redución da formación cidadá, etc. Significarán menos cultura, menos libros, menos formación, menos audiovisual, menos creatividade. Menos ilusión. Menos existir. Menos país.

Os concellos, a formación, a edición ou os centros de ensino sofren recortes que van do 60% ao 90%
Practicamente todas as accións sofren brutais recortes, que nalgúns casos acadan o -40% con respecto aos xa raquíticos orzamentos de 2013 e o -95% con respecto aos de 2005 (elaborados tamén por un goberno do PP). Así, por exemplo, con respecto a 2013 redúcense notablemente partidas como as destinadas ao apoio á edición en galego (-40%), a accións formativas (-21%) –coa que se financian os cursos e exames de galego Celga, necesarios para o acceso laboral–, a campañas de normalización (-17%), a actividades desde os concellos (-25%), etc. E estas caídas son tremendamente brutais se se comparan co ano 2005: -87% en apoio á edición; -62% en accións formativas; -71% en campañas de normalización; -60% na partida dos concellos ou -95% para o apoio de entidades sen fin de lucro.

Exit mobile version