Site icon Crónica3.com A Mariña

A demandada construción dunha residencia da terceira idade para Ribadeo chega á Deputación que aprobará a colaboración co Concello

Ribadeo, 24 de outubro de 2013. A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobará este venres a colaboración entre a institución provincial e o Concello de Ribadeo para a construción dunha residencia da terceira idade. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que “se da un paso xigante para que esta realidade se poida ver materializada”.

O rexedor lembrou que “desde o Concello de Ribadeo, desde o goberno municipal, pero entendo que desde toda a cidadanía se traballou e hai ano e pico saímos á rúa en defensa de que Ribadeo tamén quere ter unha residencia para os seus maiores, para os homes e mulleres que queremos que se queden en Ribadeo tamén na última parte das súas vidas e que non teñan que ir, como ocorre na actualidade, a centos de quilómetros fora”.

Suárez Barcia pensa que “o acordo que vai tomar a Deputación Provincial de Lugo empeza a poñer negro sobre branco e empezamos a ver a luz ao final do túnel nesta posibilidade que se configura como algo real para que Ribadeo poida ter unha residencia da terceira idade. Este non é un mérito nin do goberno municipal nin do alcalde de Ribadeo senón que é un mérito de todos os veciños e veciñas de Ribadeo e de todos os grupos da Corporación Municipal. Agora queda pendente a outra pata que é que Xunta nos conteste a este escrito que entre todos demandamos hai un tempo, que si ben valorabamos a súa oferta económica nos parecía insuficiente e estamos agardando a que nos dea a última contestación”.

O alcalde de Ribadeo dixo que “en todo caso e para que quede fora de toda dúbida a aportación e o compromiso que a Deputación está a facer con Ribadeo e con esta residencia da terceira idade é un paso xigante para que a realidade se poida ver materializada en que Ribadeo teña esta nova instalación”.

Exit mobile version