Durante o encontro, Antonio Veiga insistiu en que o ente provincial fará todo o que estea na súa man para que a residencia da terceira idade de Ribadeo estea rematada ao longo de 2015 e asegurou que “debe ser a Xunta de Galiza, e en concreto a consellería de Traballo e Benestar, a que agora mova ficha para que este proxecto tan necesario non só para este concello senón tamén para toda a Mariña Oriental, se converta nunha realidade. Estamos a falar dun proxecto fundamental para toda a comarca que ademais constitúe unha reivindicación de todos os veciños e veciñas como xa quedou demostrado coa elevada participación da veciñanza e colectivos de diversa índole na concentración convocada o pasado ano e que foi a manifestación máis multitudinaria de Ribadeo, na que máis de mil persoas reclamaron unha residencia da terceira idade no concello”.
Na mesma liña, o vicepresidente da Deputación incluso recordou que algúns membros do Partido Popular recoñeceron a importancia deste proxecto e aproveitou para invitalos a urxir ao Goberno galego, ao Goberno do seu partido, a que exprese con claridade o seu compromiso coa residencia da terceira idade de Ribadeo e a que incremente o orzamento que asegurou aportaría.
Esta infraestrutura, que está previsto construír na parcela onde se atopan as antigas vivendas de profesores e un dos inmóbeis colindantes, entre as rúas Paco Lanza e Alfredo Deaño, supón un investimento aproximado de 2,3 millóns de euros e está deseñada para atender a entre 44 e 46 usuarios e usuarias. Para Fernando Suárez, alcalde do municipio, “é unha cantidade inasumíbel para o concello, polo que precisamos da colaboración da Deputación e a Xunta de Galiza; só así se poderá satisfacer esta demanda veciñal. Grazas ao esforzo realizado pola Corporación Municipal, o compromiso que está a amosar a Deputación e esperemos que o Executivo galego decida incrementar a súa participación, estamos cada vez máis preto de que este proxecto se converta nunha realidade”.
Veiga lamentou “a falla de vontade que a Xunta de Galiza amosa para coordinar toda unha serie de políticas sociais e de benestar en favor dos lucenses e en particular a súa negativa a acordar un plan de residencias para dar cobertura á demanda das comarcas lucenses caracterizadas, ademais, polo avellentamento da súa poboación o que xustifica, tamén, a necesidade e urxencia deste tipo de instalacións. Co apoio ou non do Partido Popular, desde a Deputación Provincial traballaremos para que a comarca da Mariña dispoña dunha nova residencia en 2015.”