Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba o plan de enaxenación das súas accións na SAD Breogán para efectivizar a súa saída do club

veiga241013Lugo, 25 de outubro de 2013. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, informou que a Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo acordou, na súa sesión deste venres, apoiar a construción dun centro da terceira idade en Ribadeo de acordo ao proxecto plantexado polo Concello, e nos termos que se recollan entre o organismo provincial e o concello, botando en falla a aportación da Xunta de Galiza que é quen realmente ten competencias na materia.

Así mesmo, aprobouse iniciar o expediente de aprobación de enaxenación das accións propiedade da institución provincial. Así o anunciou en rolda de prensa o Vicepresidente do ente e delegado de Deportes, Antonio Veiga, quen insistiu en que “os principais obxectivos seguen a ser asegurar a pervivencia do Breogán Club Baloncesto e garantir a existencia dun equipo saneado e competitivo, evitando a súa deslocalización”.

Segundo explicou Antonio Veiga, tras múltiples xuntanzas co Consello Superior de Deportes, colectivos de afectados e o propio consello de administración da SAD Breogán Club Baloncesto, a Deputación Provincial deseñou un plan de enaxenación das súas accións, tendo en conta as sensibilidades e intereses que concorren neste asunto, e que se vai levar a cabo seguindo unhas fases: en primeiro momento farase a adquisición por parte do SAD Breogán Club Baloncesto dun total de 30.939 accións en concepto de autorcarteira, o que significa o 20 por cento do total das 154.699 accións, das que arestora a Deputación posúe 74.799. A seguinte fase será ofertar as accións primeiramente aos actuais accionistas do Breogán e vender, do mesmo xeito na seguinte fase, as accións aos aboados que desexen adquirilas e ofertar publicamente as mesmas. Se aínda así non se houberan enaxenado todas as accións propiedade da Deputación, acudiríase a algunha das fórmulas permitidas no Real Decreto 1372/1986 de 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Bens das Entidades Locais e na Lei 33/2003 de 3 de novembro, do Patrimonio das Administracións Públicas.

Antonio Veiga destacou que “na actualidade o Club está nunha situación económica ideal. O importante é que a estas alturas e tras a ampliación do capital realizada pola institución provincial a finais da tempada pasada, o valor patrimonial do Breogán non é negativo”.

“A finalidade de todo este proceso –continuou o vicepresidente e delegado de Deportes- é evitar a concentración de accións en poucas mans, garantindo a non deslocalización do Club e que este remate sendo propiedade da afección. Reitero, unha vez máis, o compromiso e o apoio da Deputación Provincial co Breogán Club Baloncesto, o cal se ten evidenciado durante todas as tempadas, xa non só como máximos patrocinadores e a través das diferentes liñas de axuda da institución, senón tamén como avalistas do club para que este poida xogar na Liga LEB. O apoio da Deputación ao Breogán seguirase mantendo tras a saída do accionariado.”

Resolución do contrato de ALCOR Seguridade S.L.
A instancias do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo aprobou iniciar o procedemento para a resolución do contrato do servizo de vixianza do Pazo dos Deportes e do Museo Provincial coa empresa Alcor Seguridade S.L. por manifesto incumprimento da mesma coas obrigas adquiridas ao respecto dos traballadores subrogados da anterior concesionaria no referente aos conceptos salariais e á xornada laboral.

Veiga, explicou que “a Deputación Provincial vese na obriga de tomar esta decisión tras comprobar que Alcor Seguridade S.L. incumpriu a cláusula vixésimo segunda do prego de cláusulas administrativas que rexe este contrato e que establece como obriga especial do contratista que o adxudicatario se subrogue nos dereitos e deberes que tivera recoñecido a entidade na que actualmente nesta o servizo, o ente provincial, polo que os traballadores adscritos á empresa saínte pasan a formar parte da nova adxudicataria do servizo. Porén, este dereitos non están a ser respectados tras a aprobación dun convenio colectivo que, baixo o pretexto da situación de crise, permite a Alcor Seguridade S.L. aplicar unha rebaixa desmesurada nas condicións laborais e salariais do persoal.”

Exit mobile version