Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación crea 13 novas rutas pola provincia impulsando ós 200 establecementos distinguidos coas marcas LugoSabe e Lug02

A Deputación creará 13 novas rutas ambientais e turísticas para promocionar a riqueza medioambiental da provincia e xerar riqueza coa posta en valor dos recursos naturais e dos produtos autóctonos de calidade, colaborando con 200 empresas de toda a provincia que, grazas a contar cos distintivos LugoSabe e Lug02, son xa referente de servizos e produtos de calidade, así coma de boas prácticas medioambientais. Esta é unha iniciativa financiada nun 80% por fondos europeos a través do programa Lug02.

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, mantivo hoxe en Monterroso unha reunión cos 37 establecementos hosteleiros e de restauración da comarca da Ulloa que xa contan con estes distintivos, para presentarlles esta nova iniciativa, en concreto a ruta “A Ulloa, terra de queixos e de maruxas”, e definir as liñas de actuación para a súa posta en marcha. As reunións de traballo continuarán en datas vindeiras con máis negocios de toda a provincia.

Durante esta xuntanza, García Porto subliñou a importancia de traballar conxuntamente para “poñer en marcha proxectos que impulsan a promoción turística e a comercialización dos produtos auctóctonos de calidade, porque son un importante factor de xeración de riqueza e creación de postos de traballo, especialmente no rural, onde se enmarcan moitas destas empresas”

As 13 rutas darán a coñecer os produtos autóctonos propios de cada zona e que destacan pola súa excepcional calidade, así coma os establecementos turísticos que respectan as boas prácticas medioambientais, requisitos esixidos para contar coas marcas Lugo Sabe e Lug02 . Deste xeito, ó situarse nos percorridos das novas rutas ampliaranse as súas posibilidades de negocio dos 200 establecementos acreditados, ó contar ó seu favor coa promoción destas rutas, por exemplo, en Internet e redes sociais.

13 rutas para coñecer a provincia
A Deputación porá en marcha 13 roteiros por diferentes zonas da provincia, destacando en cada caso os produtos autóctonos propios de cada unha delas e a súa riqueza natural e patrimonial. As rutas programadas -7 gastronómicas, 3 de turismo activo e outras 3 enoturísticas-, son as seguintes: “A evolución dos portos”; “Descubrindo a faba de Lourenzá”; “Iniciación á espeleoloxía na Cova do Rei Cintolo”; “Atréveste cun raid de aventura”; “Recuperando as variedades de uva tradicionais nos bancais do Sil”; “Percorrendo a pé a Ribeira Sacra”, “Descubrindo o porco celta”; “A mel e os seus beneficios”; “O queixo na Montaña de Lugo”; “A Ulloa, terra de queixos e maruxas”; “Amasando coma antano”; “Quiroga e o seu legado artesanal” e “A mel e os seus beneficios”.

Negocios de calidade acreditada
As empresas que contan cos selos Lug02 e Lugo Sabe tiveron que superar unha rigorosa auditoría para obter de maneira totalmente gratuíta estes distintivos de calidade. O organismo provincial ofreceulles estar amparados por esta marca a todos os establecementos e empresas produtoras da provincia co obxectivo de mellorar a competitividade e o posicionamento no mercado. As entidades cos selos da Deputación teñen garantido novas vendas e, polo tanto, máis beneficios xa que, dentro do proxecto Lug02 o organismo provincial desenvolve varias iniciativas, como a creación destas rutas, a promoción en feiras e eventos, campañas divulgativas e a plataforma de comercio electrónico da Deputación www.losproductosdelugo.com onde contan cun apartado específico para a venta electrónica.

Exit mobile version