Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo aposta pola dinamización cultural do rural do Concello de Ribadeo

Fernando Suarez e Antonio VeigaLugo, 26 de outubro de 2013. A Deputación Provincial de Lugo, a través da área de Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico, colabora con 32.300 euros, na dinamización cultural do concello de Ribadeo, especialmente das parroquias do eido rural. Así o anunciou esta mañá o vicepresidente da institución provincial, o nacionalista Antonio Veiga, despois de manter unha xuntanza co rexedor ribadense, o tamén nacionalista Fernando Suárez.

Segundo explicou Antonio Veiga, “o principal obxectivo deste proxecto vai máis alá da promoción da cultura nas súas diversas facetas, máis alá de garantir o dereito de todo cidadán de acceso á cultura, ou da recuperación e posta en valor do que constitúen a cultura, historia e tradicións ribadenses; ostentando un importante valor no que respecta á dinamización do Concello de Ribadeo coma un dos grandes centros turísticos de Galiza e a potenciación do seu Patrimonio Histórico”.

Cultura, Turismo e Patrimonio Histórico conxúganse á perfección nas diversas actividades que se enmarcan no proxecto denominado “Ribadeo Cultura”, facendo do mesmo unha iniciativa singular de indubidable eficacia. Deste xeito, o programa contempla un ciclo de música denominado ‘Músicas Posíbeis’, que permitirá promover os estilos musicais que se moven fóra das grandes canles de comunicación, estilos nos que se ve implicado moitas veces o traballo de artistas galegos; e ‘A fundación d@s pícar@s’, unha actividade teatral, que a través da obra ‘O libro máxico’, persegue fomentar a lectura entre os máis pequenos ademais de tratar temas como a discriminación, o exceso de autoridade, as relacións entre pais e fillos, o compañeirismo ou a importancia da imaxinación.

Asemade, un dos aspectos fundamentais deste proxecto reside na dinamización cultural do rural do Concello de Ribadeo. Neste sentido, Antonio Veiga precisou que “este proxecto leva ata as antigas escolas rurais restauradas, un ciclo de actividades socio culturais e de lecer, que serve para dinamizar un entorno rural en regresión ao mesmo tempo que funciona como mecanismo de recuperación histórica desde un punto de vista antropolóxico”. Esa recuperación levarase a cabo mediante a fototeca “Ribadeo na Memoria”, unha colección de imaxes anteriores a 1970 coa finalización de impresión física de fotografías de Cedofeita e co arquivo dixital da práctica totalidade das imaxes recuperadas.

O proxecto tamén inclúe a publicación do traballo “Pegadas da Prehistoria en Ribadeo”, no que o profesor Emilio Piñeiroa, do IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo, estuda o Castro de Louselas, os restos de Regodemel e os gravados da finca das Fadegas, na idea de preservar a información sobre castros, petróglifos, e lendas do pasado histórico da localidade mariñá.

Pola súa banda, Fernando Suárez agradeceu “esta colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que desde a súa área de Cultura mantén un firme compromiso de cara a dinamización cultural das comarcas lucenses, contribuíndo cos concellos no deseño da súa programación cultural, como é o caso de Ribadeo”.

Exit mobile version