Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación ensina a medio cento de empresas da Mariña cómo empregar técnicas de xeomarqueting en Internet

A Deputación de Lugo organiza este martes a segunda das xornadas de formación gratuíta en novas tecnoloxías que se celebra en Viveiro para empresas acollidas ó plan Reacciona coas TICs. Na Mariña hai medio cento de PEMES e autónomos inscritos neste programa. A xornada desenvólvese na aula do CeMIT de Viveiro e está centrada nas posibilidades de captar clientes coas técnicas de xeomarqueting.

Entre as 15:30 e as 18:30 horas, os participantes analizan os segredos de Foursquare, a maior rede social de xeoposicionamento, e aprenden a realizar os seus propios códigos QR, unha interesante ferramenta enfocada a vincular o mundo real co virtual.

Reacciona coas TIC permite a un total de 150 negocios da provincia recibir un novo impulso á súa actividade grazas ás iniciativas incluídas no mesmo. É un programa pioneiro en Galicia porque inclúe aspectos coma a análise das necesidades informáticas destas empresas e autónomos, a dotación de ferramentas tecnolóxicas e a formación gratuíta para aproveitar do mellor xeito posible estas mesmas ferramentas. Este programa posto en marcha pola institución provincial, está financiado nun 80% por fondos europeos a través do programa Innova-TE2.

Os contidos destes obradoiros estruturáronse a partir das necesidades detectadas nas empresas participantes logo do estudo individualizado de cada unha delas. Nunha primeira xornada abordáronse temas coma as diferentes opcións que ofrecen as redes sociais, aprendendo a crear, por exemplo, unha páxina propia en Facebook; aproveitar as novas tendencias de comunicación a través dos teléfonos móbiles para promocionar un negocio, ou dar de alta un negocio en Google.

Exit mobile version