Na defensa deste acordo, o deputado do BNG e vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, defendeu que “o PP demostra con esta medida o seu claro perfil ideolóxico, acentuado cada vez máis cara unha dereita que non ten corazón. Tal e como vimos de presenciar hai uns días, máis de 150 representantes de concellos e colectivos sociais acordaron emprender unha iniciativa pola gratuidade e universalidade da sanidade no noso país, pero a pesar diso o PP segue a defender estas medidas “de axuste”. Da nosa parte defendemos que non pode haber ningunha persoa que poida morrer por falta de recursos. Esta medida vai significar o sacrificio e sufrimento para moitas persoas. É indigna, inhumana, inxusta, e retrata un goberno que actúa contra a xente a prol das grandes fortunas e do poder económico. Velaquí un novo roubo que forma parte dunha estratexia deseñada para facer caixa a costa das persoas máis desfavorecidas, das persoas que adquiriron preferentes e subordinadas, das emigrantes retornadas, pensionistas, funcionarias, da clase traballadora, para seguir engordando a banca e o poder”.
Veiga afirmou que “o PP podía facerse valer en Lugo e demostrar que está ao lado da xente rexeitando o copagamento farmacéutico, como fixeron por exemplo en Castela e León ou Vilanova de Arousa, gobernados polo PP, pero prefire xunguirse ao argumentario que lle marcan desde arriba e calar, o que amosa o pouco peso que teñen no seu partido. E aínda é máis, o seu partido vén de aprobar día tras día medidas privatizadoras e que implican o pagamento por parte dos pacientes de servizos sanitarios que antes eran gratuítos e, non obstante, teñen a desfachatez de vir a este pleno e afirmar que o PP defende unha sanidade gratuíta e universal”. A maioría dos lugueses independentemente de que a Xunta de Galiza paralice ou non a aplicación desta medida, que grazas a non estar gobernados polo PP, non se van ver obrigados a sufrir as consecuencias deste copagamento ao estar asumíndoo os concellos.
Novos criterios para o reparto da Participación nos Ingresos do Estado (PIE)
A instancias do BNG, o pleno da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade esixir á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado a que adopte os criterios para o reparto da Participación nos Ingresos do Estado (PIE) de dispersión e avellentamento da poboación, por se tratar de factores que repercuten de xeito determinante sobre o custo dos servizos que prestan os concellos galegos, e instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado que redacte unha nova Lei de Financiamento Local que afronte os verdadeiros problemas dos concellos galegos.
Tal e como defendeu o portavoz do BNG, Mario Outeiro, fronte á reforma local o problema dos concellos non é o seu tamaño senón a falta de recursos para prestar os servizos que teñen que prestar. A culpa da débeda non é das administracións locais, na Galiza isto é patente xa que entre todos os concellos do país teñen unha débeda de 773 millóns, menos que Málaga, Zaragoza, Valencia, Barcelona ou Madrid individualmente. Non é o tamaño o problema senón asumir outro tipo de financiamento, máis soberanía ou máis autogoberno, porque está claro que a lei de facendas locais e a normativa en materia de financiamento local é perniciosa para Galiza. Pola dispersión xeográfica e avellentamento da poboación, o custe dos servizos no noso país son moito máis elevados. Polo tanto, estas reformas que propón son reformas “cosméticas” que non van resolver os problemas, son reformas de matriz ideolóxica, querendo separar aínda máis os servizos da cidadanía, facendo cidadáns de primeira ou segundo en función de se vives en concellos de menos ou de máis de 20.000 habitantes.
Mario Outeiro agradeceu o voto positivo do PP para demandar levar a cabo esta proposta e desexou que “oxalá esta moción non se quede nun mero acordo de tinta sobre papel e vostedes fagan o que estea nas súas mans para ben dos lucenses e do noso país”.