Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación mantén 400 empregos na Mariña, impulsando 77 establecementos con 4 novas rutas medioambientais

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano anunciou este mércores a creación de 4 rutas medioambientais na Mariña, coas que o organismo provincial contribúe ó mantemento de 423 postos de traballo, impulsando a 77 empresas da zona. Trátase dunha nova iniciativa do programa europeo Lug02, que implica a PEMES e autónomos da provincia, cuxos establecementos acadaron as marcas de calidade LugoSabe e Lug02 da Deputación.

Alfredo Llano fixo este anuncio en Viveiro nunha xuntanza cos representantes de empresas da zona involucradas na iniciativa. O Deputado salientou que as rutas forman parte da aposta do organismo provincial polo medio ambiente “a nosa oportunidade económica”, potenciando os recursos naturais, así como os negocios xerados no contorno.

As rutas creadas pola Deputación percorren lugares de interese, destacando en cada caso aspectos do patrimonio natural e gastronómico. Deste xeito, propoñen a visita a empresas produtoras, con degustación de produtos nalgúns casos; a realización de actividades de aventura; a estancia en hoteis ou comidas en restaurantes, entre outras alternativas. As rutas poñen en valor os establecementos e os produtos autóctonos.

Na Mariña, son 4 as rutas turísticas creadas polo organismo provincial:
1-“Atréveste cun raid de aventura?”, que percorre Viveiro, involucrando a 17 empresas que dan traballo a 137 persoas.
2-“A evolución dos portos”, que percorre a zona de Xove, Burela e Viveiro, coa implicación de 24 entidades con 163 traballadores
3- “Iniciación á espeleoloxía na Cova do Rei Cintolo”, ruta de aventura, que involucra en Mondoñedo a 17 empresas e 55 traballadores
4-“Descubrindo a Faba de Lourenzá”que implica neste Concello a outras 36 entidades, que dan emprego a 123 persoas.

13 novas rutas na provincia
En toda a provincia son 13 os roteiros creados pola Deputación, que destacan en cada caso os produtos autóctonos propios de cada unha delas, e a súa riqueza natural e patrimonial. Nestes días, responsables da iniciativa, están a manter reunións coas empresas involucradas. As rutas programadas son 7 gastronómicas, 3 de turismo activo e outras 3 enoturísticas.

As empresas que contan cos selos Lug02 e LugoSabe tiveron que superar unha rigorosa auditoría para obter, de maneira totalmente gratuíta, estes distintivos de calidade. O organismo provincial ofreceulles estar amparados por esta marca a todos os establecementos e empresas produtoras da provincia, co obxectivo de mellorar a competitividade e o posicionamento no mercado. As entidades cos selos da Deputación teñen garantido novas vendas e, polo tanto, máis beneficios xa que, dentro do proxecto Lug02, o organismo provincial desenvolve varias iniciativas, como a creación destas rutas, a promoción en feiras e eventos, campañas divulgativas e a plataforma de comercio electrónico da Deputación, www.losproductosdelugo.com, onde contan cun apartado específico para a venta electrónica.

Exit mobile version