Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación organiza no Valadouro unha masterclass de cociña autóctona en impulso dos produtos da zona

masterclass-valadouroA Deputación organizou este mércores, a través do programa europeo Lug02, a quinta masterclass de cociña autóctona en impulso dos produtos autóctonos. Nesta ocasión, a sesión que tivo lugar no Hotel Vila do Val, no Valadouro. A chef Rocío Rodríguez amosou ós 15 participantes como preparar un salteado de setas e espárragos, un cabrito, unha pescada e castañas con mel. O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, sumouse a iniciativa, que busca potenciar a comercialización e o consumo dos produtos propios da provincia, mostrando a súa variedade, calidade e todas as súas posibilidades culinarias.

Os participantes nesta iniciativa prepararon pratos baseados en alimentos producidos e comercializados por empresas da zona, que se caracterizan pola súa calidade. O menú cociñado incluíu un entrante de cogomelos salteados con espárragos trigueiros; un primeiro prato a base de cabrito de Pol con mazás crocantes; un segundo con pescada de Celeiro en salsa de ameixas; e castañas con cobertura de mel do Valadouro para a sobremesa.

O proxecto forma parte da aposta da Deputación pola economía medioambiental como oportunidade de futuro para a provincia, capaz de xerar riqueza. Nestas clases, que anteriormente se levaron a Monforte, Cervantes e Chantada, empréganse produtos autóctonos como hortalizas, legumes, derivados da matanza, caza e pesca, entre outros. A Deputación fomenta o uso dos produtos que posúen a súa marca de calidade LugoSabe, postos á venda na primeira plataforma de comercio electrónico da provincia (www.losproductosdelugo.com), creada pola Deputación co fin de crear unha imaxe de marca e abrir novas canles de comercialización para PEMES e autónomos lucenses.

Próxima cita en Viveiro
O programa está financiado nun 80% por fondos europeos a través do programa Lug02. As masterclass están dirixidas principalmente a profesionais hostaleiros e estudantes do ramo, aínda que tamén poden participar veciños en xeral. A próxima cita celebrarase no restaurante panorámico de Viveiro, o 29 de outubro. As prazas son limitadas e as clases son en grupos reducidos favorecer a aprendizaxe, así que os interesados deben apuntarse no teléfono 982-22-13-47 ou en lugo2@deputacionlugo.org.

Exit mobile version