Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación organiza o luns en Viveiro un obradoiro gratis para nenos sobre o medio ambiente

A Deputación dará a coñecer o entorno natural ós pequenos de Viveiro cun obradoiro gratuíto que se celebrará o vindeiro luns, 28 de outubro, na sala Multiusos do Concello en horario de 17:00 a 19:00 horas. A actividade fomentará entre os escolares a adopción de hábitos adecuados para preservar o seu medio natural máis próximo.

O obradoiro está dirixido a pequenos de idades entre os 6 e os 12 anos que coñecerán, por medio de esta actividade, o valor medioambiental do seu entorno máis próximo, propiciando unha reflexión sobre a importancia de preservalo. Analizarán as condutas máis habituais en relación coa natureza e accións que poden realizar a cotío para a protección e posta en valor destes espazos.

Trátase dunha iniciativa de concienciación medioambiental que forma parte da programación nos Concellos posta en marcha pola Deputación dende o Centro de Interpretación Terras do Miño para o 4º trimestre do ano. Para participar só é necesario inscribirse na páxina web www.deputaciondelugo.org, ou ben chamar ó número de teléfono 982 227 812. Neste mesmo espazo tamén se pode consultar toda a información sobre esta e outras actividades do CITM.

Rutas pola provincia
Entre as actividades que impulsa o Centro de Interpretación Terras do Miño hai conferencias, obradoiros e rutas para toda a familia. Este domingo 27 de outubro, un grupo de máis de 50 persoas percorrerá a Serra do Caurel, na primeira de 3 rutas planificadas pola provincia que teñen a auga como protagonista. Neste caso partirán ás 9:00 da mañá e regresarán ás 20:00 horas. A actividade é gratuíta e para grupos reducidos co obxectivo de minimizar o seu impacto ambiental. As vindeiras rutas serán o 24 de novembro, para coñecer as Covas do Furco nos Ancares, e o 15 de decembro en Guitiriz.

Exit mobile version