Gómez Besteiro pediulles ós asistentes exhaustiva análise das repercusións da lei na súa xestión local, xa que a reforma “despoxa ás entidades locais de competencias en servizos públicos básicos” como os servizos sociais, a recollida de lixo, o abastecemento e auga potable, a limpeza viaria, a pavimentación das vías ou o tratamento de residuos, para atribuírllas ás Deputacións. O Consello decidiu dirixirse ós Concellos para que estes lle transmitan información concreta sobre as súas necesidades e os servizos que prestan para establecer as repercusións reais da implantación da lei en toda a provincia.
Unidade pola Ribeira Sacra
Na mesma xuntanza Gómez Besteiro solicitou unidade ós alcaldes para formar unha candidatura forte e conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade. O Presidente recordou que nos vindeiros días os 21 Concellos e outras administracións implicadas,- Xunta e Ministerio de Cultura- recibirán o convenio propulsado polas Deputación de Ourense e Lugo para fixar as vías de colaboración.
O Presidente da Deputación deu conta do estado doutras colaboracións da Deputación cos Concellos. Así explicou a situación de servizos en Novas Tecnoloxías como a dotación de conexións gratuítas e libres a internet nas prazas dos Concellos, que supón un aforro de 35.000 euros a cada municipio; o plan Satelíz@te, cun investimento de 385.000 euros, dotará de internet de calidade a preto de 450 familias lucenses que viven en zonas sen cobertura; a Deputación ademais xestiona un servizo de Atención ó Usuario para os concellos, do que desfrutan 51 administracións locais e 35 portais web de concellos, ademais das 177 actividades dirixidas ó público en xeral e que levaron a cabo os dinamizadores en novas tecnoloxías nos concellos da provincia.
A Deputación promove a cooperación e a dotación de servizos como medida de aforro para as arcas municipais, deste xeito os 46 Concellos adheridos ó Club dos Renovables aforrarán grazas ó programa de eficiencia enerxética, a custe cero para eles, unha media de 40.000 euros cada ano na súa factura eléctrica.
A contratación conxunta é outra das medidas implantadas pola Deputación que permite un importante aforro ás arcas municipais. Neste senso, o Consello solicitará datos concretos ós Concellos para analizar novos ámbitos de aplicación.