Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación promociona os atractivos da Mariña no exterior

A institución provincial impulsa a economía mariñá promocionando os atractivos da comarca no exterior a través de varias iniciativas, para o que aporta preto de 11.000 euros. Por unha banda, a Deputación presta a súa colaboración á Asociación de Turismo Rural da Mariña (ATURMAR) para a posta en marcha dunha das máis ambiciosas campañas realizadas para captar turismo estranxeiro, e que levará a 17 turoperadores alemanes a percorrer ata o vindeiro 24 de outubro os principais atractivos que ofrece a costa lucense. A visita foi organizada polos responsables de ATURMAR logo de que os axentes de turismo xermanos quixesen coñecer de primeira man as amplas posibilidades da costa da provincia como destino de vacacións.

Méndez destacou que dende a Deputación “sempre defendemos o potencial da Mariña neste aspecto: levamos tempo traballando a reo por desestacionalizar o turismo e por dar a coñecer todas as posibilidades da Mariña. O feito de non contar coa climatoloxía doutros destinos turístico non pode ser un inconveniente, senón que ten que converterse nunha vantaxe: permítenos contar con visitantes en calquera época do ano. Os nosos areais son fundamentais para atraer visitantes, pero non nos limita para ofrecer atractivos en calquera época do ano: o turismo gastronómico; o de natureza; o náutico; o cultural…, son factores diferenciais con respecto a un turismo exclusivo de praia”.

2ª edición de Guía do Camiño do Mar
A Vicepresidenta Segunda tamén anunciou que a Deputación de Lugo fará entrega esta semana dos 1.000 exemplares da segunda edición do libro Guía do Camiño do Mar, historiador focense Xoán Ramón Fernández Pacios, para a que destinou preto de 8.000 euros.

A primeira edición desta obra publicada polo organismo lucense, esgotada dende hai tempo, puxo á venda medio milleiro de exemplares do que é o primeiro traballo sobre este Camiño. Froito de anos de rigoroso traballo sobre este itinerario, tan pouco estudado coma popularmente coñecido, recolle todo o inventario documental existente co que queda certificado o Camiño do Mar coma unha auténtica ruta empregada polos peregrinos na súa viaxe a Compostela, ademais dunha ampla selección de máis de 200 fotografías e abundantes mapas que describen todos os tramos deste Camiño.

Esta publicación, ademais de impulsar a aspiración da Deputación en favor da oficialización desta ruta xacobea que discurre polos Concellos da costa, avala a demanda de moitos colectivos mariñanos que levan anos solicitando á Xunta, administración competente, o recoñecemento oficial desta ruta, posto que sería un relevante pulo á economía da zona.

Promoción turística da Mariña
O actual goberno provincial leva traballando dende o 2007 en prol da Mariña, para promocionar o turismo e o ocio medioambiental con iniciativas coma o Km0 Surf Camp, ou a Peregrinación Marítima. Este evento turístico-deportivo nado no 2010, e que xa permitiu a centos de lucenses percorrer a costa en veleiros grazas ós “bautismos de mar”, fixo da Deputación de Lugo na primeira e única administración en reivindicar a declaración oficial do Camiño do Mar como ruta xacobea, malia que a promoción de todas as rutas de peregrinación lucenses data xa do 2009.

Outros dos proxectos levados a cabo na Mariña foi a certificación de calidade ISO-14001 das praias –coa que contan 14 areais mariñanos dun total de 19 galegos-, a de maior rigor a nivel internacional no eido da protección ambiental, concedida segundo parámetros da Unión Europea e que garante un plus de calidade ás praias que o reciben. Esta certificación trae consigo beneficios ambientais, de imaxe de cara ó exterior e económicos para os Concellos.

Exit mobile version