Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación rescinde o contrato coa empresa de seguridade que incumpriu as condicións laborais dos traballadores

241012xuntagobernoA Xunta de Goberno aprobou este venres dous informes do departamento de Contratación, dependente da área de Presidencia da Deputación, para rescindir o contrato coa empresa que presta o servizo seguridade no Pazo de Deporte e no Museo Provincial debido ó incumprimento do prego de condicións, no referido ó mantemento das condicións laborais.

A empresa adxudicataria decidiu reducir o salario dos traballadores ata nun 40%, aplicar unha conxelación salarial ata 2015 de trienios e quinquenios de por vida, e poñer fin á paga de beneficios. Ademais, impuxo un aumento na xornada laboral anual de 44 horas. É dicir, infrinxiu o contrato que mantén coa Deputación, baseado nas cláusulas sociais na contratación pública, establecidas pola Organización Internacional do Traballo.

Plan de axudas no medio rural
A Deputación finalizou as 59 obras do plan de axudas no medio rural, dotadas de 300.000 euros, financiados na súa totalidade polo organismo provincial. Así o avanzou o voceiro provincial socialista. Manuel Martínez destacou que se trata da programación de subvencións dirixida a autónomos e colectivos veciñais co obxectivo de impulsar o sector gandeiro e as prestacións públicas en núcleos rurais, “contribuíndo á igualdade de oportunidades, vivas onde vivas, e facendo fronte ó despoboamento demográfico”.

As obras executadas con este plan consistiron na mellora de accesos rurais a explotación gandeiras, acondicionamento de fontes e cercados de pastizais, dotación de puntos de recollida de plástico e construción de curros para o gando. Os beneficiados resultaron de 48 Concellos: Cervantes, Cospeito, Guntín, Friol, Lugo, A Pontenova, Carballedo, Alfoz, Navia de Suarna, O Páramo, A Pastoriza, Antas de Ulla, A Fonsagrada, Guitiriz, O Corgo, Quiroga, Lourenzá, Taboada, Láncara, Barreiros, Palas de Rei, Cervo, Foz, Xermade, Pantón, Pobra do Brollón, Abadín, Xove, Sarria, Mondoñedo, Pedrafita do Cebreiro, Castro de Rei, Begonte, Ribas do Sil, O Incio, Bóveda, Castroverde, Trabada, Riotorto, Becerreá, Muras, Baleira, As Nogais, Vilalba, Monforte de Lemos, Triacastela, Chantada, Pol.

Servizos no Hula
Ó respecto da dotación de Hemodinámica ás 24 horas, Radioterapia e Medina Nuclear no HULA, o voceiro esixiu a “Barreiro que aclare a súa postura, así como Balseiro, Raquel Arias e Elena Candia, que aínda non apoiaron a recollida de sinaturas que está a levar a cabo a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo”. Martínez lembrou que todos os Deputados do Goberno Provincial apoiaron esta iniciativa veciñal. Precisamente, o Executivo lugués leva unha moción ó vindeiro Pleno en rexeitamento ó Orzamento da Xunta para 2014, no que non se contempla partida económica algunha para ditos servizos, e coa que esixe á Xunta que incremente o presuposto para servizos sociais e políticas de emprego. Dende que Feijóo está no Goberno galego, ditos investimentos recortáronse en 4.000 millóns e en 200 millóns de euros, respectivamente.

Alimentos Lácteos
Polo que se refire a Alimentos Lácteos, “o proxecto estrela de Feijóo que agora, tras o seu peche, se nega a asumir como tal”, o voceiro reclamou á Xunta que explique se vai antepoñer o cobro de 6,3 millóns de euros que lle adebeda Alimentos Lácteos, ó dos 4,4 millóns de euros que lles corresponden ás cooperativas, “cando centos de gandeiros levan meses esperando polos seus cartos”.

Exit mobile version