Site icon Crónica3.com A Mariña

A LNB comeza unha nova tempada coa vitoria de Richar no V Aberto do Bonito

lnb_burelaO “V Aberto do Bonito” disputado en Burela deu comezo a unha nova tempada da LNB na conferencia Norleste, liga regular que fora presentada en Remourelle o pasado 15 de setembro con 11 xornadas puntuables.

Como follas do outono que caen, así foron chegando a esta xornada inaugural e multitudinaria os loitadores e todos eles ca ollada posta no ceo xa que a incerteza do tempo facíanos dubidar de que o peirao de Burela fose, nesta ocasión, o lugar axeitado para medir forzas e xa que o bo facer do colectivo cultural O Buril, tiña xestionado o uso alternativo do pavillón deportivo do colexio Os Castros, aló nos diriximos e acertadamente como puidemos comprobar mais tarde cando do alto caeu auga a rego cheo.

Comenzaron as billardas a voar e aínda que sempre de “bo rollo”, xa se viron os primeiros piques entre os galos reinantes e os aspirantes a selo. Charli deu o primeiro golpe cun varado na primeira carreira, logo perdeu folgos e Muriego imitouno pouco despois tanto no varado como no de perder folgos, aínda que menos. A xornada ía polo camiño agardado con algunha sorpresa que outra que engadía emoción e interese ao desenvolvemento da competición.

Ao remate das cinco carreiras, tres foron os que conseguiron chegar con pleno de vitorias. Juan de Billardeiros Musicais, Richar de Tropa Lixeira e o debutante dos Carabullos de Teixo, Santi.

No desempate a dúas carreiras, Richar, que o derradeiro ano fora segundo neste aberto, deixoulle o posto a Juan e subiu ao caixón de gañador. Santi foi terceiro.

Os tres recibiron como trofeo unhas artísticas cerámicas así como un espectacular bonito para o gañador do aberto, Richar.

Conseguíronse quince varados na xornada, aínda que dous non contabilizan por ser en carreiras de recheo. Comanda Charli e Luis con dous varados cada un.

Por equipos, dominaron os Billardeiros Musicais, que comenzan en cabeza tal e como acabaron a tempada pasada.

A segunda xornada farase en Ponte Outeiro o 19 de outubro, agardamos que o tempo non nos prexudique e poidamos disfrutar dunha gran xornada.

Exit mobile version