Site icon Crónica3.com A Mariña

A maxia do Burela FS frea ao FC Barcelona (2-2)

iagomiguez-barcelona13O Burela FS Pescados Rubén asinou unha tarde de gloria para a historia do Vista Alegre; o día en que a maxia da familia laranxa freou ao campión. A escadra de Juanlu puido parar ao xigante FC Barcelona (2-2), con defensa ordeada na primeira parte e elaboración e valentía na segunda, ante a atenta mirada dun Vista Alegre repleto.

Os mariñáns saíron para dar a cara, moi serios en defensa, pero tamén con gañas de retar ao todopoderoso Barcelona. Paco Sedano respondeu sen problemas ás primeiras chegadas do Burela FS, nos pes de Iago Míguez; no minuto 6, un balón certeiro de David Burrito case da a alegría aos locais nun despexe dubitativo de Gabriel. Chegando ao ecuador do primeiro período a Álex intensificóuselle o traballo; tras o perigo de Lozano (minuto 8), o pau repeleu o misil de Aircardo (minuto 9); Lin tamén probou sen éxito (minuto 10). Dúas boas tentativas de Mata, dende medio campo, e Burrito, en contraataque, antecederon a vantaxe visitante; chegou o primeiro gol dos cataláns en xogada de estratexia, a punto de cumprirse en 13 de xogo, culminado por Ari. A vontade dos galegos non conseguiu mover o electrónico no resto da primeira parte, coa parella Juanma-Burrito (minuto 14) e Iago Míguez, á contra (minuto 18) entre as ocasións máis claras.

Tras o descanso, a elaboración tivo nome do Burela FS Pescados Rubén. Antoñito levantouse como o estandarte mariñán para desarmar ao rival; antes de cumprirse o primeiro minuto da segunda parte, puxo en apretos a Paco Sedano por partida dobre. E por fin chegou, o empate tan desexado e merecido; non podía ser doutra maneira, das zapatillas de Iago Míguez (minuto 23), con gran protagonismo ofensivo durante todo o encontro. Segundos despois, Matamoros, dende balón parado de Christian, volvía a poñer en pe aos 1.400 espectadores da bomboneira. Reaccionou o gran titán; no minuto 25, intentouno Gabriel pero topouse co pau, seguido dun par de tentativas barcelonistas infructuosas entre desaxustes nos metros finais e gran entendemento da defensa laranxa.

Un minuto despois volveu á carga o 5 burelés cun disparo lonxano, con magnífica resposta tamén en defensa apoiando a Álex para frear unha nova avalancha visitante. Antoñito buscou adiantarse no marcador, no 29, cun lanzamento que se foi alto, asistido por Mimi. Sen embargo, foi o FC Barcelona o que encontrou antes a recompensa segundos despois, e menos merecida; despois dunha oportuna aparición de Sedano, Ari puido finalizar en contraataque para anotar o 1-2.

Non se amilanaron os de Juanlu ante o xigante FC Barcelona. No 31 David Burrito dispuxo dunha oportunidade de ouro so ante o meta barcelonista, un balón que non puido controlar (31). Juanma, Antoñito e Iago Míguez tamén o intentaron rondando o 33. A falta de 2.27 minutos para o final, o valente Burela FS enfundoulle a Mimi a camiseta azul para ir a por todas. Vista Alegre estalou de xúbilo co empate 2-2 que consiguiu introducir Christian, a tan so 10 segundos para o final. Os visitantes gastaron o seu último cartucho con Ari tamén de cinco, sen tempo para máis.

8ª jornada
Os pupilos de Juanlu desprazaranse á pista de Ríos Renovables Ribera Navarra na vindeira xornada; o encuentro está programado para o venres 25 ás 20.30 horas, no Ciudad de Tudela.

Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Álex, Mimi, Iago Míguez, Juanma e Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Christian, David Burrito, Isi, Matamoros,

FC Barcelona Alusport: Paco Sedano, Ari, Sergio Lozano, Saad e Fernandao, cinco inicial; tamén xogaron Torras, Lin, Gabriel, Wilde, Aicardo, Igor

Goles: 0-1, minuto 12, Ari; 1-1, minuto 23, Iago Míguez; 1-2, minuto 29, Ari; 2-2, minuto 39, Christian

Árbitros: Redondo Arenales // Viedma Martín(Castela e León)

Tarxetas: Por FC Barcelona, amarela a Lozano (minuto 9), Saad (minuto 16), Ari (minuto 38)

Incidencias: Partido correspondente á sétima xornada da Primera División LNFS disputado en Vista Alegre. 1.400 espectadores (aforo completo).

*Foto: A Caixa Escura Producións

Exit mobile version