Site icon Crónica3.com A Mariña

A ordenanza da auga de Barreiros non obriga ao Concello a garantir a calidade nin a cantidade do subministro

Barreiros, 2 de outubro de 2013. O grupo municipal do BNG en Barreiros votou en contra da ordenanza que regula o subministro de auga e que foi aprobada no pleno do pasado luns.

Os nacionalistas explican que “hai varios artigos nos que o Concello de Barreiros se desentende expresamente da súa obriga de garantir o subministro de auga, así como da súa calidade. Pero, ademais, noutro dos artigos, prohíbese expresamente a posibilidade de reclamar en casos de cortes de subministro ou auga sucia; mentres se establece a obrigatoriedade absoluta do pago do recibo emitido”.

Para o BNG, esta ordenanza “coa que comparten a finalidade última de controlar e regular o uso que se fai da auga, nace co vicio orixinal que caracteriza a este Concello: non hai xeito de participar ou de aportar por parte de ninguén, xa que se presenta un texto a aprobación sen ningún tipo de información previa ou busca de consenso e, aínda que se abra un prazo de alegacións, á vista da experiencia, é esperable que o Partido Popular impoña o texto orixinal sen escoitar a ninguén.”

Outro punto no que os nacionalistas amosan a súa total disconformidade é “na regulación que se fai dos cortes temporais que se poden sufrir na rede como consecuencia da falta de abastecemento. A ordenanza contempla a posibilidade de realizar cortes en comercio, industrias ou gandeirías nos casos nos que o determine o Concello atendendo ás necesidades do subministro.” Desde o BNG cren que “esta medida é absolutamente ilóxica e que poría en serio risco, por exemplo, os animais das gandeirías e, aínda que entendemos que a vida humana ten que ter preferencia sobre a animal ou os negocios, non podemos esquecer que eses negocios e eses animais son os que garanten a supervivivencia desas vidas humanas e que, con este tipo de medidas, se poñería en risco a economía de moitas familias de Barreiros.”

Segundo os nacionalistas barreirenses, “o mínimo é que, se se regula o subministro da auga e as obrigas de veciñanza e do propio Concello ao respecto, sendo este un servizo como é que nos últimos anos multiplicou o seu prezo para as veciñas e veciños de Barreiros; o Concello asuma a obriga absoluta de prestar un servizo de calidade, dacordo ao prezo que está cobrando por el.”

Exit mobile version