Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pomba do Arco viaxa á Ulloa e á Terra Chá

A Asociación Cultural A Pomba do Arco da comezo ao seu ambicioso proxecto lúdico cultural titulado “Descubre Galiza”, “Viaxa con nos pola historia, a cultura e a xeografía do país” coa que pretende dar a coñecer Galiza desde diferentes esferas ao conxunto dos veciños da Mariña e moi particularmente do Concello de Foz, cunha viaxe cultural pola Idade Antiga que se vai desenvolver polas Terras de Lugo, concretamente nas Comarcas Ulloa e da Terra Chá o domingo 10 de novembro.

A viaxe cultural que organiza A Pomba do Arco e que completará o ciclo sobre o período que imparte o Profesor Marcos Loureiro celebrarase o Domingo 10 de Novembro e percorrerá o Castro de Viladonga, o espazo de culto priscilianista de Santalla de Bóveda e rematará cunha visita a Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei. A fin de facilitar que ninguén que desexe participar da actividade quede excluído A Pomba do Arco fixa uns prezos populares para os participantes, isto é 22 euros para asociados e 26 para non asociados incluíndo esta contía o xantar, a entrada aos museos e o desprazamento en autobús. Na mesma liña indicar que as prazas son limitadas sendo necesario anotarse no tlf: 606-630-113 coa maior urxencia posto que so quedan 20 prazas por cubrir.

O Castro de Viladonga é un castro galaico-romano pertencente á coñecida como cultura castrexa e situado en Viladonga, no concello de Castro de Rei, na provincia de Lugo. Localízase sobre unha elevación a 535 metros sobre o nivel do mar, lugar desde o que se domina visualmente gran parte da chaira da Terra Chá. O 11 de decembro de 2009 foi declarado Ben de Interese Culturalpola Xunta de Galicia.Os traballos arqueolóxicos comezaron en 1971. Trátase dun castro dos máis coñecidos de Galicia, debido en gran medida a que desde o ano 1983 conta cun Museo Monográfico do Castro. O recinto aparece mencionado na bibliografía de comezos do século XX, Manuel Amor Meilán xa o cita na súa obra Historia de la Provincia de Lugo (Lugo, 1918). Ocupa unha extensión aproximada de 4 h intra murallas, das que 10.000 m² corresponden á croa de forma cuadrangular irregular (100×95 m) cos ángulos redondeados. A muralla principal é de perpiaños de xisto, que chega a unha altura de 12 a 14 metros cara ao foxo. Predominan os materiais de época romana avanzada ou tardorromana.

O templo romano de Santalla de Bóveda é un santuario tardorromano datado entre os séculos II e IV, situado na parroquia deSantalla de Bóveda de Mera, concello de Lugo, a uns 14 quilómetros da capital. Está semisoterrado a carón da actual igrexa de Santalla. Foi descuberto en 1926 e os arqueólogos non souberon dar ata agora unha explicación segura da súa orixe e finalidade.Admítese que se trata dun templo pagán, con diferentes teorías sobre a súa finalidade, cristianizado séculos máis tarde, sendo hoxe en día a teoría máis extendida aquel que o sitúa cun lugar de culto Priscilianista. Está considerado unico, ó non existir ningún outro edificio das mesmas características en todo o territorio ocupado polo imperio romano. O templo é de planta cadrada, duns 6×6 metros interiores, cunha nave central con bóveda de canón da que só se conservan os comezos, cubertos por pinturas sobre estuco. No centro posúe unha pequena piscina ou estanque, de aproximadamente 3×3 m e de escasa profundidade, con tres columnas ó seu redor. Na fachada ábrese un pequeno adro con dúas columnas in antis. A porta presenta arco de ferradura, o máis antigo da arquitectura da Península. As pinturas da bóveda son un dos elementos máis característicos do templo e constitúen un conxunto mural único na península. Representan diversas aves encadradas nun fondo cuadriculado con motivos vexetais estilizados. Entre a aves representadas están faisáns, perdices, pombas, galos e gansos, nalgún caso comendo piñas ou acios de uvas. Estes relevos (concretamente o das figuras humanas lisiadas) pretenden xustifica-la teoría de que a orixe do templo foi un santuario para a curación dos enfermos. Do mesmo xeito, as aves representadas nas pinturas murais quérense relacionar cun posible uso do templo como oráculo.

A Casa Museo Manuel María é unha institución cultural situada en Outeiro de Rei que garda a totalidade do legado bibliográfico, hemerográfico e pictórico do escritor máis prolífico da segunda metade do século XX galego, o primeiro en escribir no noso idioma e que sen dúbida algunha mantivo unha relación mais intensa e alongada no tempo co Concello de Foz, até o punto de que lle adicou un poemario ao noso Concello, “Versos frolecidos en louvanza a Foz” e poñéndolle o noso Concello por unanimidade da Corporación e a proposta do seu grande amigo Suso Fernández o nome da Casa da Cultura de Foz. A Casa Museo Manuel María, é xa a día de hoxe un dos centros culturais de referencia, para achegarnos á cultura galega da segunda metade do século XX, cunha colección de pintura na que están presentes autores deste Castelao a Maside ou desde Seoane a Colmeiro, artesanía das diversas comarcas de Galiza, isto é desde Mondoñedo a Gundivós, é unha presenza destacada das grandes figuras da cultura e da historiado País. Na Casa Museo Manuel María é relevante Foz a comezar por vídeos da presenza deste poeta no noso Concello desde 1974, fotos das súas numerosas intervencións en actos na localidade e mesmamente un recitado da súa voz do poemario “Versos frolecidos en louvanza a Foz”.

Xa por último A Pomba do Arco que xa abriu o prazo de inscrición para esta actividade recordou que as prazas son limitadas até o punto de que aquelas persoas interesadas nesta viaxe se apunten canto antes, posto que as prazas son limitadas a 20 persoas e neste sentido queremos reiterar que desde hoxe mesmo está aberto o prazo de incripción abríndose o período para anotarse algo que se debe facer no tlf:606-630-113 .

Exit mobile version