Site icon Crónica3.com A Mariña

A programación cultural do Concello de Burela para este outono comeza cunha representación teatral, pero tamén haberá música, contacontos e un desfile de moda

Burela, 25 de outubro de 2013. A programación cultural de outono organizada polo Concello de Burela empeza hoxe, venres, ás 21:00 horas cunha representación teatral a cargo do grupo Raiolas, de Alfoz, que porá en escena a obra Ruídos na casa. Ata o 26 de decembro haberá outras catro obras de teatro, cinco actuacións musicais, un espectáculo de contacontos e un desfile de moda. Todos estes actos vanse desenvolver na Casa da Cultura.

O 9 de novembro, sábado, ás 18:00 horas dentro do proxecto Buxiganga a compañía Hipócrita Teatro representará Unha historia con pau. Ao día seguinte, tamén ás 18:00 horas, haberá un desfile de moda de Acia Burela. A programación continuará o día 15, venres, ás 21:00 horas co grupo de teatro A Adala, de Fazouro, que porá en escena Sen seu amor. O sábado 16 ás 20:00 horas terá lugar un festival folclórico da Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia. Para o seguinte sábado, día 23, ás 20:00 horas está previsto un concerto no que actuarán as corais Cantar Delas, de Lugo, e a do CIT de San Cibrao. E o último acto do mes de novembro será o día 29, venres, ás 21:00 horas co grupo de teatro O Bordelo, de Cervo, que representará Abordelar.

As actividades de decembro empezarán o día 5, xoves, ás 21:00 horas co grupo de teatro Ardora, de San Cibrao, e a obra Xustiza de lei. O luns 9 ás 12:30 horas haberá unha sesión de contacontos a cargo de A tropa de trapo. Para o xoves 19 ás 20:00 horas está programado un concerto da Escola Municipal de Música de Burela e o sábado 21 ás 20:30 horas celebrarase un festival de panxoliñas e música coral que ofrecerá a Coral Polifónica de Burela. E finalmente o xoves 26 ás 18:00 horas haberá un concerto infantil de Mamá Cabra titulado Coro corico.

Exit mobile version