Site icon Crónica3.com A Mariña

A UCGAL recomenda aos afectados por preferentes e subordinadas que se asesoren sobre o alcance das propostas de NCG

A Unión de Consumidores de Galicia ven de apreciar un significativo incremento nos últimos días de consultas relacionadas coas potenciais propostas de conciliación, transacción ou mesmo dun suposto arbitraxe xudicial que a entidade NCG poida realizar nos procedementos xudiciais iniciados ou por iniciar por parte de afectados pola indebida comercialización de produtos financeiros complexos.

Das consultas recibidas, unha vez máis a Unión de Consumidores de Galicia pode constatar o enorme descoñecemento que os afectados teñen en relación con este asunto e que ao seu xuízo estase a potenciar polas distintas informacións, mesmo contraditorias, que se lles están a facilitar.

Desde esta organización considérase fundamental que a información sobre o alcance real das propostas da entidade financeira sexa clara para evitar situacións (das que algúns afectados xa lle deron conta) nas que os usuarios créense falsas expectativas e polas que ademais están a pagar cantidades de diñeiro a profesionais pola posta en marcha de actuacións que non terán resultado positivo ningún.

A Unión de Consumidores de Galicia quere lembrar que, ao seu xuízo, calquera proposta de conciliación previa non será atendida e que calquera opción de chegar a un acordo coa entidade financeira deberá pasar en todo caso pola presentación dunha demanda xudicial. Estamos a falar de propostas de transacción individuais e concretas que a entidade fará, logo de que lles sexa comunicada a demanda desde o xulgado, a persoas que a ben seguro deberán responder de forma clara a un perfil de aforrador. Este estudio individualizado é o que a xuízo desta organización desbota a idea de que se vaia por en marcha un proceso masivo de transaccións ou de carácter xeral.

Aclarado este aspecto, a Unión de Consumidores de Galicia quere animar a aquelas persoas que teñan dúbidas sobre a conveniencia de presentar ou non unha demanda contra a entidade que se asesoren debidamente antes de facelo, pero ao mesmo tempo que non desistan da súa idea se concorre un perfil aforrador. Ademais lembra que a vixente lexislación procesual permite acudir a xuízo sen avogado nin procurador en procedementos nos que se reclamen menos de 2.000 euros (pode ser o caso de persoas con pouco diñeiro por recuperar logo de acceder ó proceso de liquidez) nos que ademais non se devengan taxas xudiciais (artigo 4.1.e) e as posibilidades de condena en costas son mínimas (tal e como establece o artigo 32 punto 5 da Lei de Axuizamento Civil).

Mais sobre todo quere incidir en que os afectados non se deixen enganar por quen lles insista na conveniencia de solicitar unha conciliación previa, xa que logo suporá unha perda de tempo e diñeiro.

Por último, a Unión de Consumidores de Galicia lembra que a posta en marcha de xulgados específicos para o coñecemento destes casos, nas localidades de A Coruña e Vigo, pode facilitar en grande medida a axilidade dos procedementos e mesmo a posibilidade de que a entidade propoña acordos transaccionais, polo que segue a recomendar a presentación de demandas ante estes xulgados.

Exit mobile version