Site icon Crónica3.com A Mariña

A Universidade Rural de Barreiros abre a súas portas o luns 28 cunha semana de asistencia libre a todas as “sementes”

A Universidade Rural de Barreiros, iniciativa do Colectivo Cultural Ollomao que foi recentemente presentada cunha exitosa acollida, comeza a súa andaina este luns 28 de outubro. Faino cunha “Semana de Portas Abertas”, o cal quere dicir que toda aquela persoa que o desexe poderá asistir libremente a calquera das clases aínda que non se teña apuntado previamente, para poder así coñecer de preto os contidos que se van ensinar.

As “sementes”, nome que reciben cada unha das especialidades ou cursos a impartir na Universidade Rural, terán lugar nun día de semana distinto e cada unha nunha escola diferente de entre as existentes no concello de Barreiros. As clases están fixadas para ser entre as 20:00h. e as 22:00h., aínda que este horario está suxeito a modificación se así é acordado polo propio alumnado. A primeira clase, este mesmo luns, será a correspondente á “Semente de Enxeñería do Medio Rural” que terá lugar nas escolas de Vilamartín Pequeno. O martes impartirase a de “Ciencias da Saúde” en Vilamar; o mércores a “Semente de Xornalismo e Opinión Pública” en Cabarcos e o xoves a de “Ciencias Xurídicas, sociais e económicas” no Canteiro, antigas escolas de San Pedro de Benquerencia. A “Semente de Producción artística e Publicidade” que correspondería empezar o venres, 1 de novembro, posponse para o venres 8 de novembro debido á festividade de Santos, e terá lugar nas escolas de Celeiro de Mariñaos.

Todas as persoas interesadas en asistir a algún dos cursos da Universidade Rural poderán inscribirse presencialmente durante a “Semana de Portas Abertas” ou ben contactando con Ollomao a través do enderezo electrónico colectivo.cultural.ollomao@gmail.com, ou no teléfono 650542932. O custo desta actividade está confinanciado polo colectivo organizador e establécese un pago único en concepto de matrícula que varía en función do número de “sementes” ao que se asista: unha 15€, dúas 25€; tres 35€, catro 45€ e cinco 50€, e dá dereito á asistencia a todo o curso que rematará a mediados do mes de xaneiro.

Cada unha das “sementes” terán un contido meramente práctico e están pensadas como espazos para aprender máis que para estudar, e nos cales as persoas asistentes poidan dar respostas a dúbidas que se nos presentan a diario e supoñen atrancos para o desenvolvemento persoal.

Exit mobile version