Site icon Crónica3.com A Mariña

A Universidade Rural de Barreiros botou a andar en Vilamartín Pequeno con numeroso público na semente de enxeñería do medio rural

Barreiros, 29 de outubro de 2013. A Universidade Rural de Barreiros xa é unha realidade. Este luns comezou a semana de portas abertas nas escolas de Vilamartín Pequeno e non puido ser de mellor xeito. 25 persoas participaron activamente na clase impartida polo enxeñeiro agrícola Óscar Antón Pérez García, que debullou o contido da semente de Enxeñaría do Medio Rural que se impartirá todos os luns, ás 20horas, nas escolas da parroquia.

Hoxe tócalle o turno á escola de Vilamar, que acollerá a semente de Ciencias da Saúde nunha clase impartida por Sonia Zubillaga e Ánxela Fernández. Mañá, mércores, será Celtia Traviesas quen comece coa semente de Xornalismo e opinión pública nas escolas de Cabarcos e o xoves, rematará esta semana de portas abertas coa semente de Ciencias xurídicas, sociais e económicas que se iniciará con unha clase a cargo de Ana Ermida, no Canteiro de Benquerencia. A semente de Produción artística e publicidade, que se impartirá nas escolas de Celeiro, non comezará ata o vindeiro venres, 8 de novembro, cando será a xornada de portas abertas; ao coincidir este venres 1 día festivo.

Nesta semana a asistencia é libre e non será ata as clases da vindeira semana cando o alumnado teña que entregar a ficha de matrícula, aínda que moitas persoas xa se teñen matriculado nestes días.

Encher as escolas rurais de coñecemento, obxectivo do Colectivo Cultural Ollomao
O Colectivo Cultural Ollomao valora este inicio “dun xeito moi positivo, tendo en conta que este proxecto tiña unha grande dose de innovación e se partía sen ningunha experiencia previa que puidera achegala á xente. Mais, aínda así, a xente respondeu moi ben e tomou parte xa na primeira aula desta Universidade.” Como exemplo do que pretenden con esta iniciativa, poñen a xornada de onte á noite: “Vilamartín Pequeno é unha parroquia de aproximadamente 50 veciñas e veciños, na que as actividades das que poden disfrutar nas súas escolas son moi escasas e, cando menos, sen continuidade no tempo e, con todo, onte á noite había 25 persoas enchendo a aula desa escola que volve a ter o ensino como a súa razón de ser”, explica Tamara Rubiños Varela. “Vendo a fantástica acollida que tivo a iniciativa na súa primeira xornada podemos concluír que a sociedade barreirense está demandando este tipo de actividades que enchan o noso rural de vida e que lle permita a todo o mundo o acceso a uns coñecementos aos que, doutro xeito, non poderían ter accedido. Desde logo, se o proxecto piloto funciona así, plantexámonos darlle continuidade ao proxecto para vindeiros cursos.”

Exit mobile version