A normativa de sanidade animal establece a obriga xeral de limpeza e desinfección de todos os vehículos ou medios empregados no transporte dos animais de produción, unha vez realizada a descarga no centro de limpeza e desinfección máis próximo habilitado. Este centro deberá expedir un certificado do traballo realizado. Neste senso, resulta imprescindible a promoción das actividades destes centros, co obxecto de asegurar o establecemento de medidas preventivas en materia de sanidade animal.
Responsabilidades
A través destes convenios, os concellos de Agolada, Lourenzá e Xinzo de Limia serán os encargados de contratar o persoal necesario para a prestación do servizo; establecer e cobrar as tarifas que van satisfacer os usuarios, que se considerarán ingresos da actividade á disposición dos respectivos concellos; efectuarán o mantemento das instalacións e expedirán o certificado pertinente tras a realización da limpeza e desinfección.
Pola súa banda, a Consellería achegará aos concellos os importes definidos en concepto de contraprestación pola realización de labores de apoio ao mantemento dos stándares de sanidade animal. Así mesmo, facilitará o asesoramento técnico preciso para que os concellos poidan mellorar as condicións do servizo.
Orzamento
A Consellería financiará parcialmente o custo da xestión destes centros, sendo a achega total de 60.000 euros. En cada caso destinará 20.000 euros a cada municipio, á razón de 5.000 nos anos 2013, 2014, 2015 e 2016, respectivamente.