Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta concede 10.500 euros de subvención para as festas de interese turístico de Cervo, incluída a Maruxaina

Cervo, 26 de outubro de 2013. A Xunta de Galicia concedeu ao concello de Cervo unha subvención de 3.500 euros para a festa da Maruxaina, ao amparo da orde de axudas para festas de interese turístico galego. Así llo comunicou a delegada territorial, Raquel Arias, ao alcalde de Cervo, Alfonso villares, nunha xuntanza na que abordaron diversos temas de interese para o municipio.

En conxunto, o concello de Cervo recibe 10.500 euros de axuda da Xunta para o apoio, promoción e difusión das tres festas declaradas de interese turístico que organiza, a Maruxaina, a Festa do Ourizo e a Queimada Popular.

Arias explicou que estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva, polo que benefician sen distinción a todos os concellos que celebran festas declaradas de interese turístico galego.

Ao respecto, lamentou unha vez máis que o PSdeG teña aproveitado a festa da Maruxaina para facer política “errando unha e outra vez pero sen desfalecer no intento, porque aínda hai uns días que volvían a negar a evidencia de que a subvención está concedida”.

A delegada territorial trasladou tamén ao alcalde que a Xunta sufragará a incorporación de dous traballadores máis ao concello a través da ampliación dos programas de cooperación. En concreto, a Consellería de Traballo e Benestar destinará 12.171 euros á contratación de dúas persoas desempregadas para desempeñar labores de recuperación medioambiental por un período de seis meses.

Deste xeito, no conxunto do ano a Xunta de Galicia destinou ao concello de Cervo 51.600 euros para a contratación de traballadores desempregados, dado que a estas incorporacións hai que sumar o persoal de socorrismo, limpeza de praias e rehabilitación de espazos públicos contratado hai uns meses por distintos períodos de tempo, atendendo á natureza das súas funcións.

Exit mobile version