Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Afrontando o presente, decidindo o futuro’, relatorio do Congreso de NN.XX.

Os redactores do documento xunto co presidente do Comité Organizador do VII Congreso da formación, Alberto García Fernández, deron a coñecer hoxe o relatorio da agrupación política xuvenil que baixo o título de ‘Afrontando o presente, decidindo o futuro” traza as liñas de actuación de Novas Xeracións da provincia.

O presidente de COC explica que a través desta ponencia danse a coñecer as ideas e as propostas que moven aos mozos populares; ademais permite aos militantes lanzar ideas de futuro, co único obxectivo de “identificar solucións reais aos problemas reais da xuventude”.

O relato, ao que lle deron forma o presidente de NN.XX de Foz, Roberto Fernández; o coordinador de NN.XX. na Terra Chá; Fernando Carreiras e Tatiana Rey, da agrupación na cidade de Lugo; está centrado en grandes bloques nos que refiren ao papel dos mozos na política; á análise ou defensa dos sectores primarios -Medio Rural e Mar-, e á importancia do apoio ao emprendemento.

A Xuventude

“É importante concienciar de que a xuventude estea metida na política para que sirvan de altavoz ante os problemas dos máis novos, para que loiten por políticas de xuventude co obxectivo de revitalizar a nosa terra, pois os mozos de hoxe son os que farán posible os avances no día de mañá”; así o cita o relatorio.

Ademais, a formación política pide que a xuventude sexa crítica “en todo aquilo que non sexa correcto, pero tamén construtiva á hora de dar solucións aos verdadeiros problemas xuvenís neste momento”. Neste mesmo senso, os mozos solicitan que se teñan en conta as demandas que formulan, e explican que pedirán máis políticas de xuventude ás institucións.

“É de vital importancia que os cargos públicos, as organizacións políticas, as asociacións xuvenís, en definitiva as estruturas propias de xuventude, esteamos comprometidos en traballar e poñer en común programas deseñados por e para nós, sendo moi importante converternos no foco de atención e detectar os casos que necesitan da nosa axuda”, matizan no seu documento durante o que fixeron mención e agradeceron as reformas en materia de xuventude impulsadas polos gobernos de Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo.

Sectores primarios
O relatorio tamén recolle apartados destacados na análise do sector primario. Neste senso, o documento explica que son varios os sectores agrarios que atravesan serias dificultades neste momento; así os mozos consideran que hai que apostar por formas de explotación dos recursos que sexan ao mesmo tempo rendibles economicamente e menos agresivas cos nosos ecosistemas naturais. “Temos que mirar cara adiante, con esperanza e confianza, e aproveitando as posibilidades que a terra presenta, ofertar aos mozos e mozas unha forma de vivir dignamente sen ter que renunciar ás súas raíces e a conservar a súa alma rural”.

Son máis de 1.350 persoas as que se dedican directamente á pesca na provincia, aos que se engaden os 63 permisos de marisqueo e os arredor de 120 empregos directos que as plantas de acuicultura xeran na provincia. Entre a análise que fan deste sector, destaca a do relevo xeracional, un grave problema que para afrontalo require “non só falar de tecnoloxía, senón dunha verdadeira política de emprego no propio sector marítimo-pesqueiro”, matizan.

Emprego e o emprendemento
A preocupación por ter un posto de traballo é unha das que máis se repite entre os mozos, así a formación vinculada aos populares amosa o “pleno apoio ao emprendemento, pois é a forma de que aparezan novas ideas de negocio, que ademais soen xurdir sobre todo entre os mozos”.

“Débese camiñar nesta liña. A nosa organización quere estar sempre do lado dos autónomos, os pequenos e medianos empresarios, que son os que máis posibilidades teñen de crear emprego e de medrar o suficiente como para sacar a este país da situación de crise e emprender a senda do crecemento económico”; conclúen.

Exit mobile version