Site icon Crónica3.com A Mariña

Amplíase ata o 10 de novembro a exposición de Celso Dourado no bar Porriño de Mondoñedo

Barreiros, 31 de outubro de 2013. Debido ao interese suscitado a exposición do artista barreirense titulada Represaliados, para lembrar ao Comandante Moreno, seguirá no Bar Porriño de Mondoñedo ata o vindeiro 10 de novembro. Celso Dourado explica que “aínda que a data prevista para clausurar a mostra era hoxe, decidimos ampliala ata o 10 de novembro porque estivo a espertar moito interese na xente. Foron moitas as persoas que a visitaron e agardamos que durante estes dez días sexan moitos máis os que se acheguen ao Bar Porriño a ver estas obras”.

Represaliados inaugurouse o pasado 17 de outubro. O acto contou coa participación musical de Mini e Mero.

Celso Dourado lembra que “no ano 2006 por parte da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica desenterráronse os restos do Comandante Moreno no Alto do Acebo, na Fonsagrada. Realmente eu coñecía algo da historia pero non en profundidade. Impactoume tanto que decidín dedicarlle esta serie dos represaliados precisamente ao Comandante Moreno, que era un anarquista, un comandante da columna do batallón Galicia que foi apresado, vilmente torturado e asasinado preto da Fonsagrada. A xente do lugar compúxolle un romance que se mantivo sempre na mente dos veciños pero que ninguén se atrevía a escribilo. Co tempo Mini e Mero foron quen de poñerlle música a ese romance ao Comandante Moreno, que puido escoitarse en Mondoñedo o pasado 17 de outubro”.

Exit mobile version