Con este novo espazo creado en Cervo veranse beneficiados, arredor de 75 usuarios permanentes, xa que o centro se atopa en funcionamento pero non está ao máximo rendemento con 10 usuarios que residen de momento, o que supón un paso de xigante para a comarca no que a cubrir as necesidades de persoas con discapacidade mental se refire. Ademais dos beneficios que vai ofrecer a estas persoas, coa construción desta residencia e centro ocupacional, vanse crear varios postos de emprego directo, o que supón un dato moi positivo para a Mariña e o seu crecemento económico.
Coa colaboración da Deputación na construción desta residencia, queda demostrado, unha vez máis, o compromiso da Área de Benestar coa atención e a integración das persoas, neste caso concreto coas persoas con algún tipo de discapacidade, “en contraposición aos recortes en materia social que está a facer a Xunta de Galiza, que están incidindo de xeito directo en abrir a fenda da exclusión xusto no seo dos colectivos que máis necesitan a axuda en tempos de crise, polo que é inhumano que a Xunta de Galiza utilice a crise como coartada para levar a cabo políticas que aumentan as desigualdades na sociedade”, sinalou Antonio Veiga.