Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias destaca a importancia do comercio como “elemento dinamizador” para o desenvolvemento económico da comarca da Mariña

Viveiro, 25 de outubro de 2013.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, incidiu este venres en Viveiro na importancia do comercio como “elemento dinamizador” para o desenvolvemento da economía e da sociedade nos concellos da zona norte da provincia de Lugo.

A representante do Executivo galego significou que, neste sentido, a Consellería de Economía e Industria, a través da da Dirección Xeral de Comercio, ven de concederlle unha axuda de 33.000 euros ao Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro (CCH de Viveiro) para campañas e programas de difusión en apoio dos establecementos da vila.

Arias fixo estas declaracións no marco da visita que realizou hoxe á cidade do Landro, onde estes días se leva a cabo a iniciativa A semana do teu comercio, que promove a Dirección Xeral de Comercio, coa organización do CCH de Viveiro.

A delegada recordou tamén que o Executivo galego ven amosando nos últimos anos un compromiso constante co comercio de Viveiro e co desenvolvemento das súas rúas e dotacións comerciais.

Nesta liña, Arias subliñou que o Goberno de Feijóo leva investidos máis de medio millón de euros (517.171 euros) no concello de Viveiro durante os últimos catro anos a través de axudas ás asociacións do sector e melloras de zonas comerciais, contribuíndo á modernización e mellora das rúas e das instalacións deste eido.

Así mesmo, a delegada territorial puxo de relevo o traballo das distintas directivas do CCH de Viveiro a prol da dinamización comercial e dos seus arredor de 150 asociados, e subliñou a importancia dos centros comerciais abertos no impulso do comercio de proximidade, ao tempo que animou aos comerciais da praza de abastos da localidade a asociarse e dispoñer de novas opcións para participar nas axudas ao sector.

Neste contexto, Arias resaltou as actividades de promoción comercial e de fidelización dos consumidores que impulsa a consellería, entre as que tamén se inclúe a de Presume de praceira/o, ademais das campañas de dinamización que desenvolve cada ano a asociación viveirense.

Recoñecemento a ‘Casa Chao’
Arias fixo estas declaracións en Viveiro, no marco do acto de homenaxe no que se distinguiu ao establecemento local Adega-Mantenza Casa Chao dentro da campaña A semana do teu comercio, un acto no que lembrou que a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, está a impulsar a actividade comercial “modernizando o sector, sen renunciar a súa calidade, e impulsando o asociacionismo comercial”.

A representante do Executivo galego na provincia fixo entrega dun diploma de recoñecemento á traxectoria de Casa Chao, resaltando o desempeño deste comercio no desenvolvemento comercial da vila durante o tempo que abarcan os máis de 80 anos en activo deste establecemento, en marcha coa actual denominación dende o ano 1931.

Neste sentido, Arias remarcou que un dos obxectivos do departamento autonómico de Economía e Industria coa campaña A semana do teu comercio é “por en valor o traballo desenvolvido polos centros comerciais abertos existentes en Galicia, dedicándolles unha semana do ano a cada un deles”.

Ao mesmo tempo, a campaña serve para realzar o bo facer dos negocios locais que souberon adaptarse aos tempos acadando a pervivencia do negocio a través da calidade e proximidade ao cliente. Así, a delegada salientou a aposta deste comercio viveirense, unha empresa de carácter familiar que soubo adaptarse ao paso do tempo chegando ata os nosos días.

Exit mobile version