Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro asegura que coa nova Lei do Solo todos os Concellos da Mariña reducirán o tempo de aprobación dos seus Plans Xerais

balseiro-populareslugoA Mariña, 12 de outubro de 2013.- O secretario do Parlamento de Galicia e deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, asegurou este sábado que coa nova Lei do Solo que tramita a Xunta de Galicia, todos os concellos da Mariña lucense verán reducido de xeito significativo o tempo de aprobación dos PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal)

A norma, na que traballa o Goberno galego, reduce á metade os prazos para tramitar este instrumento de ordenación urbanística, introducindo axilidade e rematando coa longa situación de pendencia existente en moitos concellos da nosa comarca cuxo urbanismo aínda estaría regulado por normas provisionais e subsidiarias, de índole local ou provincial

O obxectivo é que un PXOM, cuxa aprobación hoxe pode demorarse incluso décadas -aínda que o termo medio está en seis anos-, poida estar aprobado en tan só tres anualidades, isto é, na metade de tempo. Para elo a nova Lei do Solo axiliza dous aspectos que ata o de agora eran as razóns principais das demoras: os informes sectoriais e a tramitación ambiental.

PLANEAMENTO BÁSICO
No caso concreto da Mariña lucense os concellos de menos de 5.000 habitantes dispoñen tamén dunha nova figura o denominado Planeamento Básico que permitiría a estes municipios ter o seu territorio ordenado

Con esta medida dótanse estes concellos dun instrumento básico que lles permita ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística, e que estará vixente ata que xurdan feitos determinantes dunha maior complexidade urbanística que aconsellen a formulación dun plan xeral de ordenación municipal elaborado polo respectivo municipio.

SOLO RÚSTICO
A nova lei busca potenciar o medio rural como territorio xerador de riqueza e atractivo para vivir, por iso fai un recoñecemento e unha aposta decidida polo solo rústico como solo produtivo, nomeadamente acolledor de usos turísticos, fomentando os usos económicos e mantendo a prohibición de usos industriais e residenciais non vinculados a explotacións agropecuarias.

O Goberno galego busca unha dobre finalidade: evitar o aumento da dispersión edificatoria, que ten como consecuencia o feísmo e a dotación ineficiente de servizos e, por outro lado, permite recuperar e poñer en valor a gran riqueza de patrimonio construído no rural, que doutro xeito se perdería para sempre, e con el unha parte importante da nosa identidade e da nosa esencia como país.

PXOM´s NA MARIÑA
Moitos concellos da Mariña teñen moi avanzado a elaboración do seu novo PXOM como é o caso de Burela, Ribadeo ou Barreiros, entre outros. Pero só Xove conta cun PXOM aprobado do ano 2012, O Vicedo en 2001 e Trabada, co seu solo urbano delimitado desde 1978.

Exit mobile version