Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro destacou o “decidido apoio” da Deputación á UNED durante a inauguración do curso 2013-2014

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, participou no acto de inauguración do curso 2013-2014 da UNED de Lugo, que tivo lugar este xoves no actual Centro Asociado, na capital luguesa. A lección inaugural do acto, O valor da Universidade pública fronte á destrución do estado social, foi pronunciada polo Maxistrado do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2, Luis Villares Naveira, ante o resto de autoridades asistentes, entre as que se atopaban o Rector da UNED, Alejandro Tiana Ferrer; o Alcalde do Concello de Lugo, José López Orozco; o director do Centro Asociado da UNED de Lugo, José Luis Prieto Arroyo, e o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro Iglesias.

Durante a súa intervención, o Presidente da Deputación fixo referencia á difícil situación pola que atravesan Escolas e Universidades, facendo alusión ó recorte de máis de 6.000 millóns que levan sufrido dende o 2010 e que chegará, segundo a previsión do Goberno, a máis de 10.000 millóns no 2015; ó recorte de 3.000 profesores universitarios, que “dan clase a cada vez menos alumnos, como os 10.000 que xa tiveron que abandonar os seus estudos por perder as súas becas”, e o complicado que o terán “os que queden, tendo en conta que másteres e segundas matrículas aumentaron de prezo de forma xeralizada”.

Neste sentido, Gómez Besteiro destacou que “fronte á brutal tixeira e cegueira privatizadora dalgúns, estamos outros empeñados en defender o sistema educativo público”, destacando que o cambio producido no país coa chegada da democracia, cando “máis da metade da poboación era analfabeta ou tiña só estudos primarios”, ata o momento en que España chegou a ser referente en I+D+i, débese nun 90% ás Universidades públicas. “Para o progreso persoal, laboral e social é fundamental garantir un ensino público de calidade e accesible a todos, compatible co fomento da cultura do esforzo”

Nova sede da UNED no 2014
Precisamente, Gómez Besteiro lembrou que Lugo contará “cun centro para a UNED que será referencia en todo o noroeste de España” no curso 2014-2015. A Deputación encara os que serán os derradeiros traballos no bloque 1 do hotel Miño, que contan cun orzamento de 1 millón de euros financiado polo organismo lugués e cun prazo de execución de 4 meses.
Esta nova sede da UNED contará con 4 plantas e un espazo útil de 1.993 metros cuadrados, que acollerán dotacións como bibliotexa de acceso libre; conexión a internet de 10 megas; 18 aulas, área de informática; salón de actos e laboratorio.

Este centro suporá claras vantaxes dende o punto de vista económico, posto que se aforrarán os 105.000 euros anuais que se desembolsan en concepto de aluguer da sede actual, e espacial, porque se gañará espazo para acoller alumnos en constante aumento, ademais do feito de que será un centro adaptado ó novo marco universitario europeo e consolidar a presenza da UNED en Lugo.

Defensa do ensino público
Os responsables da Deputación de Lugo veñen denunciando dende hai tempo o desmantelamento da educación pública, en todos os seus niveis, que están levando a cabo os gobernos central e autonómico, situación que perxudica especialmente ó rural, xa que recortes e privatización exercen un negativo efecto sobre os índices demográficos. O repago dos comedores escolares; o desmantelamento do programa Preescolar na Casa, que beneficiaba a 900 nenos só na provincia de Lugo; os recortes en garderías; o aumento do prezo nas taxas e prezos de másteres e segundas matrículas son algunhas das medidas que atacan á calidade e universalidade do sistema educativo.

Pola contra, dende a institución provincial avogan por unha educación pública, de calidade e accesible a todos, coma no caso da súa Escola de Imaxe e Son, o único centro pública na provincia de Lugo que imparte ensiananzas superiores no eido audiovisual. Co anterior goberno provincial, os alumnos da Escola pagaban 3.000 euros en dous anos de estudio, facendo que moitas das prazas quedaran libres; na actualidade, a matrícula é gratuíta agás para os repetidores, o que consegue que ano tras ano se cubran todas as prazas e mesmo quede xente en lista de espera.

Exit mobile version