Site icon Crónica3.com A Mariña

Catro centros educativos da Mariña desenvolverán este curso plans específicos de formación do profesorado

Lugo, 29 de outubro de 2013.- Un total de 20 centros educativos da provincia de Lugo desenvolverán ao longo deste curso 2013/2014 plans de formación do profesorado específicos, adecuados ás particularidades da súa propia comunidade educativa, ao abeiro da convocatoria realizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no marco do Plan Anual de Formación do Profesorado. Na primeira convocatoria destes plans, que se desenvolveu ao longo do curso 2012/2013, participaron 68 centros educativos de toda Galicia con cadanseu plan, que implicaron a formación de 1.552 docentes e un investimento da Consellería de preto de 220.000 euros.

O portal educativo http://www.edu.xunta.es/web/  publica hoxe a resolución na que se detallan os centros que se incorporan a esta iniciativa – 13 da provincia de Lugo- e os que continúan desenvolvéndoa ao igual que fixeron o curso pasado- 7 da provincia de Lugo-. Trátase, dunha nova aposta da Xunta de Galicia pola actualización dos coñecementos dos docentes como un dos eixos fundamentais para a mellora da calidade educativa. Estes plans de formación, para os que a Consellería prestará o seu apoio económico e humano – a través dos Centros de Formación e Recursos e do Centro Autonómico de Formación e Innovación- son ademais unha aposta máis pola autonomía dos centros educativos á hora de analizar as súas fortalezas e eivas e plantexar estratexias de reforzo, un eido que tamén se está a traballar desde os contratos-programa.

Liñas de traballo

As propostas que deberon presentar os centros xiran arredor dalgunha das sete liñas de traballo contempladas na convocatoria, referidas á programación, desenvolvemento e avaliación de competencias básicas, facendo especial fincapé no tratamento das linguas, tanto propias como estranxeiras; á integración didáctica das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TICs), e ao uso para o traballo cooperativo en rede a través de espazos virtuais; á mellora da xestión dos centros e dos procesos de calidade; á convivencia escolar e o clima da aula;  e ás propostas para a atención á diversidade e os cambios metodolóxicos asociados. As liñas seis e sete foron as referidas ás accións encamiñadas a mellorar o desempeño profesional docente e á actualización científica e didáctica do profesorado, e á xestión directiva dos centros, respectivamente.

Para seren seleccionados, cada centro tivo que propoñer un plan integrado por un ou dous itinerarios formativos en relación con algunha das devanditas liñas de traballo; itinerarios que estarán compostos por, polo menos, dúas ou tres actividades, tales como seminarios, cursos ou grupos de traballo.

Os materiais que xurdan do desenvolvemento de cada un dos plans que finalmente se autoricen poderán poñerse en común para o beneficio de toda a comunidade educativa galega e a difusión das boas prácticas dos centros, en prol dunha mellora da calidade do ensino.

Centros participantes

A relación de centros da provincia que participan por primeira vez este curso na iniciativa é a seguinte:

Nome do centro Concello
IES Enrique Muruais A Pontenova
CEIP San Xoán Becerreá
IES Val do Asma Chantada
CPI Poeta Uxío Nononeyra Folgoso do Courel
CPI Ramón Piñeiro Láncara
CEIP Rosalía de Castro Lugo
IES Ánxel Fole Lugo
IES Francisco Daviña Rey Monforte de Lemos
CEE Infanta Elena Monforte de Lemos
IES de Ribadeo Ribadeo
CEIP Frei Luis de Granada Sarria
EEI de Sarria Sarria
CEIP Virxe do Carme Sober

A relación de centros que xa participaron no curso 2012/2013 e repiten este ano é a seguinte:

Nome do centro Concello
CPI de Castroverde Castroverde
EOI de Lugo Lugo
CEIP de Monforte Monforte
IES Xograr Afonso Gómez Sarria
CEIP Antonio Insua Bermúdez Vilalba
IES María Sarmiento Viveiro
CEIP Pedro Caselles Rollán Xove
Exit mobile version