Site icon Crónica3.com A Mariña

Celso Dourado exporá a súa serie titulada ‘Represaliados’ no Bar Porriño de Mondoñedo que se inaugurará o vindeiro xoves 17

Barreiros, 11 de outubro de 2013. O vindeiro xoves, día 17 de outubro, ás dez da noite inaugurarase en Mondoñedo unha exposición con obras do artista barreirense Celso Dourado titulada Represaliados, para lembrar ao Comandante Moreno. O acto contará coa actuación musical de Mini e Mero.

Celso Dourado explicou que “foi un compromiso con Ana, que é a dona do bar Porriño, lugar onde se celebra a exposición. É unha serie que empecei a concibila e facela no 2006 e que fai alusión aos represaliados e este é o título. Componse neste momento por 6 cadros e é un xogo moi interesante curiosamente de pés e de cores”.

O artista lembrou que “no ano 2006 por parte da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica desenterráronse os restos do Comandante Moreno no Alto do Acebo, na Fonsagrada. Realmente eu coñecía algo da historia pero non en profundidade. Impactoume tanto que decidín dedicarlle esta serie dos represaliados precisamente ao Comandante Moreno, que era un anarquista, un comandante da columna do batallón Galicia que foi apresado, vilmente torturado e asasinado preto da Fonsagrada. A xente do lugar compúxolle un romance que se mantivo sempre na mente dos veciños pero que ninguén se atrevía a escribilo. Co tempo Mini e Mero foron quen de poñerlle música a ese romance que xa tiña letra e esa noite, o 17 de outubro, no bar Porriño, en Mondoñedo, vanme acompañar nesta exposición Mini e Mero para cantar o romance ao Comandante Moreno”.

“Eu son coñecido polo pintor das mans e curiosamente estívenlle dando voltas ao maxín ata que me propuxen darlle contido a esta serie xogando con pés, que están atados, aramados, torturados. E os cadros teñen unha serie de indicacións a base de textos e de cores, alusivos a aquel momento da Segunda República española e a parte figurativa é ocupada por pés. É case monográfico, exceptuado un cadro que pon remate á serie. É un xogo de pés e de cores”, engadiu Dourado.

En canto ao acto inaugural o artista comentou: “coido que vai ser un momento moi agradable, xa non quero dicir nin por min nin polos cadros pero si polo concerto que nos van ofrecer de xeito totalmente altruísta Mini e Mero, dos que sobran presentacións porque son uns grandes da música cantada galega, eu gozo da súa amizade e van trasladarse a Mondoñedo para abrir esta exposición. O día 17 é cando se inician as festas das San Lucas e Ana, do bar Porriño, decidiu abrir a exposición ese día. É unha achega persoal ás festividades das San Lucas pero de xeito absolutamente independente e vai estar exposta ata finais de outubro”.

Exit mobile version