Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo informa de que o xoves péchase o prazo para a solicitude das axudas ao transporte

Cervo, 29 de outubro de 2013-A Concellería de Educación, que dirixe Pilar Armada, informa á cidadanía da proximidade do remate do prazo para solicitar as axudas ao transporte escolar, que finaliza o día 31 deste mes. Trátase dunha subvención financiada ao 100% con fondos municipais coa que se pretende “colaborar e apoiar ás familias nos gastos derivados da educación e a formación dos fillos” explica Armada.

En concreto, estas axudas están dirixidas aos cervenses que se atopen cursando os seus estudos fóra do municipio, sempre que se trate de ensinanzas que non se oferten nos centros de Cervo. Nesta ocasión o Concello decidiu incrementar a contía que poderá recibir cada beneficiario, pasando de 150 a 200 euros.

Poden optar a estas axudas os estudantes de Bacharelato na modalidade de artes, ensinanzas universitarias, formación profesional de grao medio e superior, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao medio e superior, ensinanzas deportivas de grao medio e superior, artísticas superiores ou impartidas en conservatorios e escolas de música.

Estas axudas forman parte dunha liña de traballo estable de apoio ás persoas e entidades implicadas na educación e formación dos cervenses. Neste caso, o apoio está dirixido ás familias, ao igual que nas axudas aos libros e material escolar para nenos de segundo ciclo de infantil, que foron entregadas a semana pasada; pero o Concello tamén colabora coas ANPAS e cos centros educativos do municipio a través doutras subvencións. “O noso compromiso coa educación e a formación dos nosos cervenses é claro, por iso mantemos de forma estable as diferentes axudas ao tempo que tentamos aumentar na medida do posible a nosa implicación neste ámbito” remata a edil.

Exit mobile version