Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo realizou tarefas de mantemento na plantación de árbores autóctonas do monte municipal Escarabelada

mantemento_escarabeladaCervo, 31 de outubro de 2013-O Concello de Cervo segue avanzando no seu proxecto de recuperación do bosque atlántico autóctono iniciado hai uns anos en fincas de propiedade municipal e que tamén se fixo extensible a outras parcelas de uso comunal en colaboración con asociacións.

Nesta ocasión, leváronse a cabo traballos de mantemento na plantación de árbores autóctonas situada na finca municipal da Escarabelada, no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos. Unhas tarefas que consistiron principalmente en cortar eucaliptos e acacias de pequeno e mediano porte para evitar que estas especies invasoras se mesturen coas autóctonas e interfiran no seu crecemento no que pretende ser un bosque puramente atlántico. Ao mesmo tempo leváronse a cabo traballos de roza en toda a parcela como medida preventiva contra os lumes forestais.

Tamén se está levando un control da supervivencia das árbores plantadas co obxectivo de deseñar novas accións de reforestación. De feito, o Concello xa traballa en próximas plantacións coas que substituír as plantas que non prenderon así como para seguir ampliando os terreos de bosque atlántico.

Estes traballos foron desenvolvidos polas dúas brigadas forestais das que dispuxo do Concello de Cervo durante os últimos tres meses e que foron cofinanciadas pola Xunta de Galicia e os fondos europeos FEADER. Unhas brigadas que tamén desenvolveron traballos de prevención de incendios ou outras catástrofes como inundacións. Para iso realizaron rozas en vías e camiños forestais así como en parcelas, sempre de carácter público.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, estiveron este xoves cunha das brigadas no monte Escarabelada coñecendo de preto as tarefas que estiveron realizando, coincidindo co último día de servizo. Neste sentido o rexedor felicitou aos brigadistas polo “importante traballo que desenvolveron, xa que se tratou de accións de prevención, que son a clave para loitar contra os lumes e manter os nosos montes ben conservados”.

En canto ao proxecto coas árbores autóctonas, Villares asegura que se trata “dunha aposta de futuro, coa que pretendemos que vaian proliferando nos montes municipais as especies típicas de Cervo, e da Mariña en xeral, e crear áreas de riqueza natural autóctona para o lecer e o disfrute de veciños e visitantes”.

Ao mesmo tempo, Villares quixo agradecer á Xunta o seu apoio e financiamento porque con el permitiu “contar cun servizo moi importante para os nosos veciños e veciñas, xa que se trata do coidado do medio ambiente e da preservación do noso entorno natural”.

O monte Escarabelada ten unha superficie de 9 hectáreas e está situado no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, nas proximidades das antigas fábricas. Uns terreos que se comezaron a reconverter de eucaliptal a bosque autóctono no ano 2011. As accións véñense realizando en varias fases nunhas plantacións nas que se adoita implicar aos nenos e nenas de Cervo como unha forma de conciencialos da importancia de coidar o noso medio natural.

Exit mobile version